CRÓNICA | As mellores (7-0)

CRÓNICA | As mellores (7-0)

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

Co ascenso á OK Liga conseguido desde fai semanas, só quedaba unha meta no camiño do Liceo. Afianzar o primeiro posto. O equipo dirixido por Carlos Loureiro tamén pode presumir diso despois do seu triunfo fronte ó CPP Raspeig, pechacancelas da competición.

Ante un rival fráxil e con números pobres, as verdibrancas amosaron desde o primeiro momento a súa superioridade. Fixeron dano en ataque e mantivéronse sólidas en defensa para que Katy Guscin redondeara a súa excelente tempada no estadístico. Non rematou o partido, iso si, xa que Noe Uzal entrou á pista durante a segunda metade. Á habitual suplente deulle tempo a deter unha falta directa.

Naiara Vaamonde, que completou un hat trick, estreou o marcador ós seis minutos do acto inicial. No 18 marcou de novo. O Liceo era mellor e, por se fora pouco, anotou o terceiro (obra de Luchy Paz) a segundos do descanso. Golpe psicolóxico que precedeu a outros catro tantos con Cris Diz, Ale Martín (por dúas veces) e a propia Naiara como autoras. Un total de 7-0.

Todo para sumar 29 puntos, os mesmos có CP Las Rozas pero con golaveraxe favorable tanto no particular (0-0 e 0-2) como no xeral (38 contra 29). A tempada, así, remata con éxito total.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Katy Guscin, Andrea Ojeda, Naiara Vaamonde, Luchy Paz, Ale Martín (quinteto inicial), Noe Uzal e Cris Diz.

CPP RASPEIG: Paula García, Paula Milán, Marta Milán, Estela Chacón, Camila Fernández (quinteto inicial), Rosana Teruel e Claudia Landete.

ÁRBITRO: Martínez Suárez. Sen cartóns.

GOLES: 1-0 (Naiara Vaamonde, min. 6). 2-0 (Naiara Vaamonde, min. 18). 3-0 (Luchy Paz, min. 25). 4-0 (Naiara Vaamonde, min. 31). 5-0 (Ale Martín, min. 31). 6-0 (Cris Diz, min. 41). 7-0 (Ale Martín, min. 44).

INCIDENCIAS: Xornada 14 da OK Prata Feminina 20/21. Polideportivo de Monte Alto.

Deixa un comentario