Os froitos do traballo seguen aparecendo, e é que o máis que reconstruido Deportivo Liceo de Juan Copa colleitou no Pavelló Municipal de Arenys de Munt o seu terceiro triunfo consecutivo de OK Liga. Un meritorio nove de nove en puntos que mantén ó conxunto verdibranco na zona noble da clasificación. Este venres, en Riazor e ás 21:30h, terá a oportunidade de aumentalos a doce contra o Sant Cugat.
Tal e como pasou na recente visita do Girona, Bruno Di Benedetto abriu a veda no primeiro minuto. Debeulle moito á xogada individual de Àlex Rodríguez, que asistiu tras avanzar desde pista propia. O gol espoleou ó cadro local e deu paso a unha parte inicial repleta de ocasións.
O Arenys de Munt achegouse varias veces con perigo á área de Martí Serra e tanto o meta como a súa defensa deberon traballar a fondo para manter o triunfo parcial. Especialmente hábil estivo Marc Pujadas, protagonista das dúas oportunidades máis claras.
O 0-1 deu paso a un xogo repleto de oportunidades para ambos equipos.
O pico de forma branquivermello rematou a súa quenda e foise ó Deportivo Liceo, preto do segundo tanto mediante un César enchufado en ataque. Aínda que parecía improbable 24 minutos atrás, o 0-1 sobreviviu ata a bocina de descanso.
Golpe na mesa
O guion foi similar ó volver a pista, pero durou menos. Un cartón azul a Marc Pujadas por placar a Arnau Canal levou a Àlex Rodríguez ó punto da directa e non perdoou (0-2, min. 28). O seu disparo potente superou a Burgaya e danou seriamente a moral do Arenys.
O mesmo dorsal 27 liceísta evidenciouno co seu 0-3. Nunha falta escorada, Rodríguez aproveitou unha grave desconcentración e atopou de novo a rede. No 33, Bruno Di Benedetto sentenciou o partido co 0-4. Este resultado deu paso a minutos de menor intensidade.
O 0-2 de Àlex Rodríguez danou seriamente a moral local.
Marc Puigvert anotou o tanto da honra para o Arenys, aínda que foi rápidamente neutralizado por sendos de César (o seu cuarto da tempada) e Àlex Rodríguez (completando así o seu hat trick persoal). Marcador con 1-6 e nove puntos de nove.
FICHA TÉCNICA
ARENYS DE MUNT: Ernest Burgaya; Aleix Domenech, Marc Pujadas, Lluc Vilà, Arnau Font (quinteto inicial), Alex Joseph, Gerard Gallardo, Marc Puigvert, Gerard Oviedo e Guillem García (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Sito Ricart, Fabri Ciocale, Fran Torres, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).
ÁRBITROS: Rivas Martín e Molines Ferrandiz. Mostraron cartón azul ó local Marc Pujadas.
GOLES: 0-1 (Bruno Di Benedetto, min. 1). 0-2 (Àlex Rodríguez, min. 28). 0-3 (Àlex Rodríguez, min. 31). 0-4 (Bruno Di Benedetto, min. 33). 1-4 (Marc Puigvert, min. 45). 1-5 (César Carballeira, min. 46). 1-6 (Àlex Rodríguez, min. 50).
OK Liga 22/23, Xornada 3. Pavelló Municipal d’Arenys de Munt.