CRÓNICA OK LIGA (X7) | Remontada e segundo triunfo seguido (1-5)

CRÓNICA OK LIGA (X7) | Remontada e segundo triunfo seguido (1-5)

13 de novembro de 2024


O Deportivo Liceo vence ante o Alpicat e alonga a súa boa racha na Fase Regular.

A boa racha continúa. O Deportivo Liceo de Juan Copa viaxou a Alpicat e gañou contra o recentemente ascendido á OK Liga, un segundo triunfo consecutivo que coloca ós coruñeses con 12 puntos na táboa e os instala na parte alta desta Fase Regular.

O conxunto local saíu ben á pista, motivado e seguro de sacar un resultado positivo da visita dos verdibrancos. O aviso serio non tardou en chegar. Corría o sétimo minuto de xogo cando Iago Vázquez, atento tras unha loita dentro da área, conseguiu superar a un Martín que repetía titularidade. As consecuencias duraron segundos. César, cun bo disparo, empatou na xogada posterior ó saque de centro.

Reacción exemplar

Un golpe que non intimidou ós homes de Sito Expósito, recén ascendidos pero desexosos de dar un golpe na mesa. Intentaron inquietar de novo a Martín en varias ocasións, pero foi a pegada do Liceo a que se acabou impoñendo. Nil Cervera estreou o seu rexistro goleador no minuto 20 cun disparo espectacular desde o costado esquerdo (1-2). Nada puido facer o meta Bosch, que viu como a bóla entraba pola escuadra do seu pau longo.

Antes do descanso, outra boa acción de Fabri ampliou a vantaxe dos de Juan Copa. Tal e como fixera Vázquez no gol local, o número 9 visitante aproveitou unha bóla morta na área para anotar o 1-3 que chegou ó descanso.

Superioridade total

O atacante arxentino asestou outro duro golpe ó Alpicat nada máis regresar. Un desaxuste defensivo derivou nun claro man a man de Fabri, que non perdoou e sumou o seu segundo tanto no partido (o terceiro no curso).

Entón comezou o correcamiños. Os de Sito Expósito tomaron riscos e atoparon en varias ocasións ó porteiro liceísta, aínda que o Liceo aproveitou os espazos para xerar numerosos achegamentos claros. O guión favorecíalles. Quen atopou o premio foi Nil Cervera, que ó igual que Fabri anotou a súa segunda diana particular. Ese 1-5 foi o que mostrou o marcador ó soar a bociña.

Sen moito tempo agora para descansar, o Liceo regresará a Galicia para comezar a preparar a visita do Calafell a Riazor. Esta oitava xornada disputarase o domingo 17 ás 12:00h.

FICHA TÉCNICA

ALPICAT: Xavi Bosch; Miquel Serret, Iago Vázquez, Marc Vázquez, David Ballestero (quinteto inicial), Pol Besolí, Jan Munné, Joan Serret, Uri Llenas e Ricard Casals (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martín Rodríguez; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Tato Ferruccio (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra e Martí Serra (meta suplente).

ÁRBITROS: Raúl Burgos Manotas e Ariel Morisio. Sen tarxetas.

GOLES: 1-0 (Iago Vázquez, min. 7). 1-1 (César Carballeira, min. 7). 1-2 (Nil Cervera, min. 20). 1-3 (Fabri Ciocale, min. 22). 1-4 (Fabri Ciocale, min. 28). 1-5 (Nil Cervera, min. 48).

INCIDENCIAS: Xornada 7 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Pavelló Municipal d’Esports Antoni Roure (Alpicat).

Deixa un comentario