CRÓNICA OK LIGA (X25) | Viaxe ó playoff desde o top 3 (1-4)

CRÓNICA OK LIGA (X25) | Viaxe ó playoff desde o top 3 (1-4)

28 de abril de 2024


O Liceo de Juan Copa vence ó Alcoi na súa pista e aclara cal será o seu camiño para loitar polo trofeo.

Queda camiño por coñecer, pero o punto de partida xa está claro. A vitoria do Deportivo Liceo en Alcoi, a do Noia e as derrotas de Voltregà e Reus implican que o equipo dirixido por Juan Copa disputará o playoff polo título como terceiro clasificado.

A última xornada da Fase Regular, que precisamente xuntará a Liceo e Noia en Riazor, non terá nada en xogo ademais do honor e os números (domingo 5, 12:00h). Unha vez que remate chegará unha fin de semana de descanso e posteriormente a fase definitiva polo trofeo.

Tanteo e paciencia

No Francisco Laporta había que vencer e venceuse. Todo comezou, con todo, cunha primeira parte das chamadas tácticas. Non supuxo escaseza de ocasións, xa que Sito Ricart e Bruno Saavedra avisaron seriamente á portería defendida por Marc Grau. Só o meta local e o seu poste esquerdo evitaron o 0-1.

A primeira parte rematou sen goles pero con ocasións importantes

No outro lado, Martí Serra mantívose seguro. Tanto como o partido, que nos seus 25 minutos iniciais apenas ofrecía faltas de ambos equipos. A maior dificultade para os de verde e branco chegou coa tarxeta azul que viu Bruno, mais o bo traballo do equipo permitiu que o power play en contra terminase sen consecuencias.

A importancia de golpear primeiro

A situación tiña que romperse nalgún momento e así foi no minuto 28. Sito, que no acto inicial xa rozara o gol, aproveitou unha bóla morta na área do Alcoi, levantouna e conseguiu enganar ao porteiro Marc Grau (0-1). Os homes comandados por Lorenzo Pastor tiñan que dar entón un paso adiante, co seu posto no playoff totalmente en xogo.

Sito Ricart comezou a gañar o partido para o Liceo co seu gol no minuto 28

O Liceo aproveitou os espazos para seguir facendo dano. César Carballeira rozou o tanto cun man a man e Tomás Pereira si atopou o 0-2 cunha internada polo costado dereito. O 1-2 de Gonzalo Pérez puxo emoción ó epílogo, aínda que a cabeza dos coruñeses seguiu moi fría. Tiveron paciencia e lograron o premio.

No minuto 49, unha tarxeta azul a Marc Grau provocou que o Alcoi rematara o partido con só catro homes. Obrigados a gañar, os locais prescindiron do porteiro sen éxito. Si chegou para o Liceo, que pechou o partido cos goles de Fabri Ciocale e Pablo Cancela.

FICHA TÉCNICA

ALCOI: Marc Grau; Ferran Formatjé, Sergi Canet, Gonzalo Pérez, Franco Ceschin (quinteto inicial), Kyllian Gil, Agustín Domínguez, Javi Verdú, Manel Hernández e Joan Oltra (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra (quinteto inicial), Tomás Pereira, Fran Torres, Guido Pellizzari, Pablo Cancela e Tiago Rodrigues (meta suplente).

ÁRBITROS: David Cantos Bonales e Sergi Mayor Oliván. Mostraron tarxeta azul ó local Marc Grau e ó liceísta Bruno Saavedra.

GOLES: 0-1 (Sito Ricart, min. 28). 0-2 (Tomás Pereira, min. 37). 1-2 (Gonzalo Pérez, min. 40). 1-3 (Fabri Ciocale, min. 50). 1-4 (Pablo Cancela, min. 50).

OK Liga 23/24. Xornada 25 da Fase Regular. Polideportivo Francisco Laporta (Alcoi).

Deixa un comentario