Esquecido todo o referente á derrota contra o Barcelona, o Deportivo Liceo de Juan Copa volveu a facer das súas. A base de traballo e esforzo contra un sempre forte Alcoi, os verdibrancos probaron de novo o sabor dos tres puntos. Tres que lle sirven para sumar 18 e saltar do quinto ó segundo posto da OK Liga.
Conscientes da dificultade do Francisco Laporta, os muchachos de Copa maduraron o encontro desde o principio. Un inicio sen ocasións destacables deu paso ós minutos 11 e 12, chaves para o devir do xogo.
No primeiro César errou un penalti. No segundo, o equipo animouse e adiantouse grazas a Àlex Rodríguez (0-1). O seu disparo lonxano petou no meta Marc Grau, aínda que o rexeite entrou. Ese foi o resultado que chegou ó descanso.
Contención exitosa e don da oportunidade
Os homes de Lorenzo Pastor buscaron o empate, como non podía ser doutro xeito, pero Martí Serra e a defensa visitante estiveron excelsos. As intención de igualada foron neutralizadas e aproveitadas a medida que o Alcoi foi aumentando os riscos.
Dese xeito materializouse o 0-2. Àlex Rodríguez iniciou un contraataque, Fabri Ciocale continuouno e rematouno Bruno Di Benedetto (minuto 36) a pase do dorsal 9. Un duro golpe para os intereses locais.
Un bo contraataque de Àlex Rodríguez, Fabri Ciocale e Bruno Di Benedetto acabou co 0-2 definitivo
Así rematou un partido non demasiado bronco que non viu unha décima infracción (cometida polo Deportivo Liceo) ata o derradeiro minuto. Martí Serra detivo a directa de Formatjé para redondear a súa actuación e dar pasó á bocina.
Unha volta á senda do triunfo para afrontar mellor a vindeira visita do Calafell ó Pazo dos Deportes, con horario aínda por confirmar.
FICHA TÉCNICA
ALCOI: Marc Grau Vila; Ferran Formatjé, Iván Morales, Biel Pujadas, Gonzalo Pérez (quinteto inicial), Franco Ceschin, Agustín Domínguez, Marc Grau Blanquer, Javier Verdú e Joan Oltra (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Bruno Di Benedetto, Pol Manrubia, Àlex Rodríguez, Arnau Canal e Mati Bridge (meta suplente).
ÁRBITROS: Calonge Barrio e Godia Canaleta. Sen cartóns.
GOLES: 0-1 (Àlex Rodríguez, min. 12). 0-2 (Bruno Di Benedetto, min. 36).
OK Liga 22/23, Xornada 8. Polideportivo Francisco Laporta.