Imaxe: Manu Boutureira.
O sábado 28 de novembro será un día intenso para o Deportivo Liceo. Non só xogará o primeiro equipo (20:30h en Noia), senón os outros tres principais do club nas súas respectivas competicións. Sempre, claro está, que as excepcionais circunstancias sanitarias o permitan.
O OK Prata de Stanis García, líder invicto do Grupo Norte con 13 puntos de 15 posibles, afrontará unha visita complicada ao Manlleu (20:00h) no partido correspondente á xornada 7 de liga. O conxunto dirixido por Quim Casali ocupa a cuarta posición da clasificación con 9 unidades, pero un encontro menos cós tres rivais que ten por diante. Ademáis, é un dos equipos que menos goles encaixou (9 en 4 partidos).
Pola súa parte, o Feminino visitará ó Diver Patín á mesma hora có filial masculino: as 20:00h. As liceístas tamén son líderes destacadas da Liga Senior Autonómica despois de dous partidos con abultados marcadores favorables (7-0 e 1-5 ó HC Raxoi). 6 puntos de 6 posibles, máximas anotadoras (12) da fase regular da competición e conxunto menos goleado (1).
Non comezou igual de ben o masculino da Liga Senior Autonómica, pero tan só tivo lugar unha xornada de competición ata o momento. Tras caer derrotados ante o Escola Lubiáns (4-3) na data inaugural, a escadra de A Coruña recibirá o día 28 (12:30h) ó equipo B do HC Borbolla.