Dous partidos en dous días para o filial verdibranco

Dous partidos en dous días para o filial verdibranco

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Agarda unha fin de semana maratoniana para o filial masculino do Deportivo Liceo, que deberá afrontar dous compromisos de OK Bronce en 18 horas naturais. Os muchachos dirixidos por Sergio Huelves sairán a patinar na tarde do sábado (18:00h, xornada 13) e na mañá do domingo (12:00h, xornada 14), respectivamente, contra o UDC Rochapea (Polideportivo Municipal de Rochapea) e o RC Jolaseta (Polideportivo Pepín López).

Agardan o cuarto (17 puntos) e o terceiro (18) da táboa do Grupo Norte. Dous rivais que superan ó filial verdibranco, actual sexto clasificado con 16 unidades dentro dunha zona alta cada vez máis comprimida (seis equipos en tres puntos). Continúa, iso si, algo distorsionada pola existencia de tres descansos por xornada.

Parón competitivo dun mes

Tras esta intensa dobre proba, o Deportivo Liceo vivirá un mes enteiro de descanso. Correspondería regresar o día 12 de febreiro, pero tocará un dos mencionados turnos de asueto. Xa que tampouco haberá competición de OK Bronce a fin de semana do 19, o conxunto de Sergio Huelves non xogará ata o 26 de febreiro na pista do Aurrera.

Deixa un comentario