Chega 2023 e faino cun xaneiro cargado de hockey. O Deportivo Liceo de Juan Copa recibirá este domingo 8 (17:00h) en Riazor ó Lleida, primeiro rival de OK Liga do ano natural, mentres traballa polo mesmo obxectivo que caracterizou os anos anteriores: loitar ata o final por tódolos títulos posibles.
Con independencia da WSE Champions League, que comezará o día 26 e poboará máis o mes, o equipo verdibranco xogará para gañar e así mellorar a súa actual terceira praza na competición nacional. Esta mesma é oficial tralo triunfo do Noia no seu partido adiado contra o Caldes (0-7).
O Deportivo Liceo é o actual terceiro clasificado da OK Liga.
O Liceo conta con 27 puntos por 28 do segundo, mentres que o Barça continúa como líder intratable con 34 e só dous cedidos en todo o curso.
Esta xornada 13 será unificada, pois pechará a primeira volta da fase regular e determinará ós equipos clasificados para a Copa do Rei. Juan Copa e os seus xogadores xa están matemáticamente dentro do torneo.
Convocatoria sen Fran Torres
Juan Copa poderá contar con todo o seu plantel para este partido. Aínda así, o límite de dez xogadores para a lista provocará que Fran Torres permaneza fóra da mesma.
Formarán parte da convocatoria Martí Serra, Mati Bridge, Sito Ricart, Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Fabri Ciocale, Àlex Rodríguez e Arnau Canal.
Un Lleida en zona tranquila
De menos a máis foi o conxunto do Lleida, actual oitavo clasificado da OK Liga con 16 puntos. Chegarán á pista de Riazor coa complicada pero todavía real oportunidade de clasificarse para a Copa do Rei.
Os homes dirixidos por Albert Folguera, con Oriol Vives (11) como máximo realizador, remataron o ano 2022 caendo como local ante o Noia (1-4). Con este compromiso buscarán empezar 2023 do xeito máis distinto.
Coa mirada en Europa
O Deportivo Liceo afrontará o novo ano coñecendo a súa folla de ruta para a WSE Champions League. A fase de grupos, que comezará o 26 de xaneiro, constará dos seguintes partidos e rivais:
- X1 (26 de xaneiro): UD Oliveirense – DEPORTIVO LICEO
- X2 (9 de febreiro): DEPORTIVO LICEO– SL Benfica
- X3 (23 de febreiro): CP Calafell – DEPORTIVO LICEO
- X4 (9 de marzo): DEPORTIVO LICEO– CP Calafell
- X5 (23 de marzo): SL Benfica – DEPORTIVO LICEO
- X6 (13 de abril): DEPORTIVO LICEO– UD Oliveirense
Entradas a 5€ para público xeral
O Deportivo Liceo, como é norma, volverá a vender entradas a prezos totalmente populares.
O público xeral terá de novo a posibilidade de asistir por nada menos que 5 euros. Poderá adquirir a súa entrada dixital a través deste enlace de Cluber. Unha vez no Pazo, o seu poseedor deberá ensinar o código QR da mesma para poder entrar.
Por outra parte, os socios do Deportivo Liceo e os abonados provintes do Real Club Deportivo entrarán ensinando os seus carnets.
Para rematar, os nenos e nenas que cumpran calquera das seguintes condicións poderán asistir ó choque de forma gratuita, tal e como vén ocorrendo co resto de partidos de OK Liga e obedecendo á nova política do club:
- Ter 12 anos ou menos. En casos non tan evidentes, deberá acreditarse a idade mediante DNI.
- Estudar no Colexio Liceo La Paz, sexa cal sexa a idade. Tan só deberán acudir ó Pazo coa roupa do centro.
- Contar cunha ficha federativa de hockey sobre patíns que se deberá ensinar nas portas de entrada ó Pazo dos Deportes.