Rematou o primeiro parón para o filial do Deportivo Liceo. O conxunto verdibranco, tras non competir desde o pasado 9 de outubro por descanso, volverá á OK Bronce este sábado 29. Visitará o Municipal de Grado do CP Areces Pavitek (xornada 4, 20:00h) co obxectivo de escalar postos no Grupo Norte.
Os dous primeiros choques dos liceístas deixaron unha vitoria (6-1 ante Jolaseta) e un empate (3-3 contra Aurrera) que, actualmente, colocan ó equipo na terceira posición. Cabe destacar que conta cun encontro disputado menos cós seus perseguidos Raxoi e Ordes, ó ser un dos protagonistas dos tres descansos por xornada que se reparten no grupo.
O seu rival da fin de semana, por outra parte, suma tres puntos de seis posibles e vive este inicio de liga no sétimo posto.
Areces, Lubiáns e novo descanso ata o 26 de novembro
O Deportivo Liceo non terá que cumprir outro parón unha vez completada a visita ó Areces. O sábado 5 de novembro (17:00h) recibirá no Agra I ó Escola Lubiáns para disputar a quinta data de competición. Posteriormente si tocará outro descanso que non traerá competición oficial ata o día 26.