A primeira parada da nova OK Liga pasará polo Pavelló Oliveras de la Riva. A 22/23 non será unha calquera, xa que o Deportivo Liceo deberá defender o seu recente e flamante título. O Voltregà será o rival inaugural da aventura deste ano, a comezar o sábado 10 ás 20:00h (retransmisión de OKLIGA.TV).
Esta viaxe contará cos mesmos camiños cá anterior, unha vez superadas por completo as circunstancias extraordinarias de pandemia. A OK Liga dividirase outra vez nunha fase inicial de 26 xornadas (a rematar nos últimos días de abril) e nun playoff definitivo polo entorchado. Os participantes desta última parte serán, de novo, os oito mellores clasificados durante a etapa regular.
Presentadas as pautas, o Deportivo Liceo asume o habitual obxectivo: loitar por tódolos trofeos posibles e ofrecer resistencia ata o último segundo do último partido.
Todos dispoñibles para a primeira batalla
Juan Copa, líder desta renovadísima xeración de liceístas, viaxará a Voltregà coa totalidade do seu plantel. Estarán no Pavelló Oliveras de la Riva os tres únicos xogadores restantes do curso 21/22 e as sete caras novas, tanto as promocionadas desde o filial como as incorporadas doutros equipos.
A OK Liga 22/23 contará de novo con fase regular e un posterior playoff
Superada xa a derrota na Supercopa 2022, o preparador coruñés contará con Martí Serra, Mati Bridge, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez, Arnau Canal, Bruno Di Benedetto, Fabri Ciocale, Fran Torres e Sito Ricart.
Ante un Voltregà de caras coñecidas
Non foron tantos os trocos realizados polo conxunto branquiazul, un dos clásicos da OK Liga. Si foron significativos. O conxunto de Sant Hipòlit reforzouse, entre outros, co exliceísta Jordi Burgaya despois de que el mesmo fora un dos protagonistas do pasado título verdibranco.
Un salto de calidade co obxectivo de mellorar o décimo posto logrado na tempada 21/22. O Voltregà acumulou 25 puntos durante a fase regular, sendo así insuficientes para disputar o playoff. Sen embargo, a sempre complicada pista de Sant Hipòlit e as ilusións renovadas dos seus anfitrións converterán este primeiro partido nunha auténtica pedra de toque.
O debut do Pazo dos Deportes de Riazor terá lugar na segunda xornada regular. Será o momento no que o Liceo recibirá ó Girona (sábado 17, 18:00h).