Celebración da pasada Copa do Rei. Imaxe: HOCKEY GLOBAL.
Chegou a hora da verdade para o Deportivo Liceo. Polo menos unha delas. O equipo de Juan Copa loitará esta fin de semana por un título sempre especial: a Copa do Rei, que este ano 2022 se celebrará no Pavelló Onze de Setembre de Lleida. Non só iso, senón que deberá encargarse de defender o logrado en A Coruña en 2021. Os vixentes campións atoparanse en cuartos de final contra o Reus Deportiu, un complicado rival que tamén buscará o trofeo (venres 6, 18:00h, TVG 2).
En caso de triunfo, o Liceo xogaría contra o vencedor do duelo entre o Lleida (anfitrión) e o Calafell. Esa semifinal celebrarase o sábado 7 ás 20:45h, mentres que a gran final comezará o domingo ás 15:00h.
Marc Grau, atacante verdibranco, deixou clara a ambición do equipo en verbas á Televisión de Galicia: “Non nos poñemos teito. Queremos competir pola Copa e pola Liga”. Os playoffs, iso si, aínda terán que agardar para ter o seu protagonismo.
Sen Jordi Burgaya e con Nanu Castro
Juan Copa non poderá contar para a competición con Jordi Burgaya, aqueixado de molestias físicas. O responsable de cubrir a súa baixa será Nanu Castro, xogador do OK Prata cun papel destacado co primeiro equipo durante todo o curso.
O resto de integrantes do plantel están dispoñibles: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Maxi Oruste, Dava Torres, Marc Grau, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto e Jordi Adroher.
Os dous enfrontamentos ante o Reus en OK Liga remataron cunha derrota e unha vitoria
Serán os encargados de enfrontarse ó Reus en primeira instancia, un equipo de gran potencial que xa demostrou a súa capacidade para facerlle dano ós verdibrancos. O cuarto clasificado na fase regular da OK Liga ten recente a trepidante vitoria por 5-4 na súa pista, aínda que o precedente da primeira volta sorriu ó Deportivo Liceo (4-3). Un apaixonante partido co obxectivo de continuar unha apaixonante loita.