Imaxe: HOCKEY GLOBAL.
A fase regular da OK Liga entra oficialmente na súa recta final. Ó Deportivo Liceo tocaralle afrontar en Alcobendas (sábado, 18:00h) o seu antepenúltimo obstáculo, un choque con dous obxectivos moi distintos para ambos. Para uns, manter a forma para loitar polo título. Para outros, evitar o descenso á OK Prata.
Por iso, o Polideportivo José Caballero albergará un partido de hockey do máis intenso. Nel, Juan Copa e os seus xogadores procurarán mellorar un rexistro xa de por si excelente: 56 puntos de 69 que se quererán trocar en 59 de 72. Mostra do gran traballo dos verdibrancos, segundos na táboa, durante todo o curso.
Viaxe con todos dispoñibles
A gran nova para o técnico do Deportivo Liceo será o feito de poder contar con todo o seu plantel. Trala recuperación de Maxi Oruste, xa na pista e incluso goleando, faltaba a de Jordi Adroher. O Mago tamén superou os seus problemas físicos, así que estará en Alcobendas.
Jordi Adroher regresa á lista tras superar as súas molestias de pulso
Ademáis destes dous nomes, Juan Copa tamén poderá contar cos habituais: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Dava Torres, Marc Grau, Jordi Burgaya, Àlex Rodríguez e Roberto Di Benedetto.
Loita pola vida coas matemáticas na man
Contra estes condicionantes deberá pelexar o Alcobendas do coruñés e exliceísta Marcos Rey. O conxunto madrileño é o colista da OK Liga, pero as matemáticas todavía lle ofrecen posibilidades de salvación. Con nove por xogar conta con 14 puntos, tres e catro menos que os seus dous perseguidos: Manlleu e Palafrugell.
Sen embargo, os rexistros non lle acompañan. Actualmente é o segundo grupo menos goleador (51) e o segundo máis goleado (106) da competición. Tampouco xogará a favor das súas posibilidades o contundente resultado en contra sufrido no Pazo dos Deportes (10-0) ou o feito de puntuar en tan só seis de 23 partidos.