CRÓNICA | Vitoria en Palafrugell (1-5)

CRÓNICA | Vitoria en Palafrugell (1-5)

O primeiro dos catro últimos partidos da OK Liga regular rematou en vitoria. O Deportivo Liceo sumou de tres na complicada pista do Palafrugell para manterse firme nesta recta final, continuar o seu excelente rexistro (56 puntos de 69) e asegurar virtualmente a segunda posición.

Ante un rival motivado pero lastrado por baixas importantes, Juan Copa e os seus xogadores xa golpearon a mesa do partido ós tres minutos. Un error defensivo local transformouse no 0-1, obra de Roberto Di Benedetto nun man a man. Sería unha das marcas do seu gran encontro, continuada por un 0-2 de marabillosa factura.

Roberto Di Benedetto, autor dun gran partido, inaugurou o marcador ós tres minutos

Con autoridade, o Liceo demostrou o seu poder tanto ofensivo como defensivo. Neste último foi novamente chave Carles Grau, que anulou as dúas oportunidades de bóla parada do Palafrugell durante a primeira metade. Detivo unha directa a Canet na mesma liña de gol e un penalti a Marc Figa. O tanto que si chegou foi o 0-3, obra de Dava Torres.

Autoridade e boa xestión

Pouco trocou o guion nos últimos 25 minutos. Os verdibrancos xestionaron correctamente a súa vantaxe, puxeron contra as cordas ó rival e aumentaron a distancia.

Tras un cuarto de hora sen goles, o 0-3 pasou a 0-5 en apenas segundos por responsabilidade dun acertado Maxi Oruste. O Palafrugell lograría despois o tanto da honra nunha falta directa de Adrián Candamio.

O antepenúltimo partido da fase regular levará ó Deportivo Liceo á pista do Alcobendas (sábado 2, 18:00h).

FICHA TÉCNICA

PALAFRUGELL: Xavier Puigbí; Romà Bancells, Franco Ceschin, Marc Figa, Sergi Canet (quinteto inicial), Adrián Candamio, Borja Ramón e Albert Buch.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; Dava Torres, Marc Grau, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto (quinteto inicial), César Carballeira, Maxi Oruste, Jordi Burgaya e Martín Garaboa.

ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Tania Pardo van Hees. Mostraron cartón azul ós liceístas Marc Grau e Maxi Oruste.

GOLES: 0-1 (Roberto Di Benedetto, min. 3). 0-2 (Roberto Di Benedetto, min. 18). 0-3 (Dava Torres, min. 20). 0-4 (Maxi Oruste, min. 42). 0-5 (Maxi Oruste, min. 43). 1-5 (Adrián Candamio, min. 43).

Xornada 23 da OK Liga 21/22. Pavelló Municipal de Palafrugell.

Deixa un comentario