É a hora de poñerse ó día e erguerse no terceiro partido da semana. O Deportivo Liceo non o terá fácil, pero procurará sumar novamente de tres nun compromiso contra o PHC Sant Cugat (sábado 5, 20:00h) adiado no seu día por causas COVID. As xogadoras dirixidas por Stanis García serán as anfitrioas, neste caso, do Pavillón do Agra 1 o non estar dispoñible o Pazo dos Deportes.
O obxectivo deste encontro é claro: repoñerse das dúas derrotas consecutivas das últimas xornadas fronte a Igualada e Vila-sana, tanto física como mentalmente, e así coller aire na táboa da OK Liga Feminina. Duro, pero non imposible.
Será o único partido da fin de semana na OK Liga Feminina
O conxunto liceísta é o actual décimo clasificado con dez puntos, aínda que todavía conta con datas pendentes como esta para retomar o voo. Ó celebrarse durante un parón da competición, será o único choque da fin de semana.
Lista de convocadas con regreso para Luchy Paz
Stanis García irá a polos tres puntos coas seguintes xogadoras: Viki Caretta, Mencía Mosquera, María Sanjurjo, Alba Garrote, Adriana Soto, Bea Gaete, Naiara Vaamonde, Lucía Yáñez, Ale Martín e Luchy Paz, que regresa tras varias semanas lesionada.
Un rival bregador
O visitante do Agra 1, neste caso, será o Sant Cugat de Beto Borregán, noveno con trece puntos e protagonista dunha gran vitoria na pasada xornada (8-4 ó Mataró).
Un conxunto perigoso cun bo rexistro de goles a favor, sendo o mellor de toda a segunda metade da clasificación (33) xusto por diante do Deportivo Liceo (31). Boa parte de responsabilidade recae en xogadoras perigosas como Alba Ambròs, Txell Gimeno e Laura Porta.
Stanis García agarda, como non pode ser doutro xeito, un obstáculo de nivel: “Será un partido contra un rival que leva varias boas campañas. Transmite moita intensidade ó xogo e teremos que estar atentas”.