CRÓNICA | Triunfo dourado ante un gran Calafell (5-3)

CRÓNICA | Triunfo dourado ante un gran Calafell (5-3)

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Gran traballo de Juan Copa e os seus xogadores para pechar unha intensa semana de ouro. Rexistro de nove puntos sobre nove posibles tras vencer a un perigoso Calafell, e así sumar 41 de 48 posibles na presente OK Liga.

Non puido empezar mellor o partido para os intereses liceístas, xa que Dava Torres tardou exactamente 43 segundos en batir a Xano Edo. Este gol rebosou de confianza ó resto dos seus compañeiros, directos a polo segundo pero á súa vez concentrados para defender a un bo rival.

Martí Casas e o exliceísta Sergi Miras foron os homes máis destacados do Calafell aparte do meta Edo, aínda que Marc Grau logrou o 2-0 cun disparo potente, raso e cruzado. Pouco duraría esa alegría. Inmediatamente despois, Jan Escala superou a Carles Grau con outro golazo. Un tanto que espoleou ós visitantes, capaces de empatar no minuto 19. Fíxoo Miras tras un penalti discutido.

O Deportivo Liceo atacou con todo para restaurar a vitoria, pero quen remontou foi o Calafell a minuto e medio do asueto. Fíxoo Arnau Xaus.

Reacción exemplar

Esa boa nova animou ós cataláns na segunda metade. Puideron aumentar a vantaxe mediante Martí Casas, pero o ferro de Carles Grau evitouno. Un aviso serio que enfadou ó Liceo, protagonista dun gol anulado e respondido por outro legal de Dava Torres (min. 33).

O Liceo ofreceu unha segunda parte de gran nivel na que remontou con autoridade

O empate parcial motivou ós coruñeses a máis non poder. Pouco tardaron en darlle a volta ó partido grazas ó regresado Jordi Adroher, letal desde a directa. Xa con cinco de pista, o Calafell intentouno ata a fin. Marc Grau, despois dun gran roubo no minuto 50, anotou a sentencia a porta baleira.

En sete días, Juan Copa e os seus xogadores visitarán ó Voltregà (sábado 5, 20:00h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez, Roberto Di Benedetto (quinteto inicial), Jordi Adroher, Marc Grau e Jordi Burgaya.

CALAFELL: Xano Edo; Arnau Xaus, Jan Escala, Martí Casas, Sergi Miras (quinteto inicial), Oriol Palau, Jordi Ferrer e Martí Gabarró.

ÁRBITROS: Daniel Villar Costa e Nicolás Morandeira Sánchez. Sen cartóns.

GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 1). 2-0 (Marc Grau, min. 16). 2-1 (Joan Escala, min. 17). 2-2 (Sergi Miras, de penalti, min. 19). 2-3 (Arnau Xaus, min. 24). 3-3 (Dava Torres, min. 33). 4-3 (Jordi Adroher, min. 38). 5-3 (Marc Grau, min. 50).

Xornada 16 da OK Liga 21/22. Pazo dos Deportes (A Coruña).

Deixa un comentario