Cos días festivos xa aparte, toca volver ó traballo. O novo 2022 tráelle ó Deportivo Liceo a súa proba inaugural, que lle enfrontará este sábado ó CP Voltregà (12:30h). O Pavelló Olivares de la Riva será o escenario dun duelo complicado co obxectivo de consolidarse na zona media da táboa, aínda que sempre con aspiracións a metas máis ambiciosas.
Tras oito partidos disputados, Stanis García e o seu plantel ocupan o oitavo posto con sete puntos. Dez, realmente, pero cunha penalización de tres. Non resta mérito ó bo curso das liceístas, máis que dignas despois dun complicado tramo inicial ante os colosos da competición; e triunfantes nas dúas derradeiras probas disputadas (4-1 ante o Vilanova e 1-4 na pista de Las Rozas).
Lista de convocadas
Para esta novena xornada, o técnico verdibranco contará coas seguintes xogadoras: Viki Caretta e Mencía Mosquera como porteiras, María Sanjurjo, Alba Garrote, Adriana Soto, Alejandra Martín, Cris Diz e Lara Yáñez.
Un rival motivado con problemas de gol
O Voltregà de Oriol Perarnau é un dos equipos membros da actual zona baixa debido ás súas complicacións á hora de marcar. É o segundo peor conxunto neste rexistro con tan só sete goles anotados, tres máis có colista Girona.
O cadro catalán é o antepenúltimo da OK Liga Feminina con catro puntos sumados. Levárono aí a súa única vitoria, ademáis doutro empate. Non será razón, aínda así, para saír á pista con excesos de confianza. A loita para sumar de tres será innegociable desde o minuto 1 e ata o 50.