Imaxe: HOCKEY GLOBAL.
Deberes feitos para as festas. O Deportivo Liceo sumou unha nova vitoria na OK Liga Feminina tras superar ó Vilanova e acumula así dez puntos útiles para continuar na zona cómoda da clasificación.
Stanis García predixo na previa un guion de partido que adiviñou punto por punto. As liceístas, vestidas de negro, tomaron a iniciativa do ataque mentres as catalás agardaban algún atisbo de transición. O pouco acerto inicial do equipo coruñés (errou un penalti ós nove minutos) non durou demasiado. Tras unha gran xogada de María Sanjurjo, Adriana Soto definiu para o 1-0.
Os escasos achegamentos do Vilanova, pola súa parte, atoparon unha barreira en forma de Viki Caretta. Detivo as dúas máis claras das visitantes: un penalti de Blanca Angrill e un man a man de Paola Pascual.
Traballo constante
A pesar da superioridade, o Liceo necesitou poñer o mono de traballo. Todo continuou igual no segundo acto, aínda que o tanto chegou do lado rival. Fíxoo Paola Pascual tras superar a Viki cun golpeo espectacular. O aviso espoleou aínda máis ás xogadoras de Stanis, que empataron dous minutos despois coa segunda diana de Soto, letal tras atopar unha bóla morta na área.
A falta de dez minutos, a que apareceu foi Naiara Vaamonde. O 3-1 foi da súa propiedade nunha xogada moi similar á anterior. O dominio ofensivo, o 4-1 de Adriana Soto (falta directa) e as paradas de Viki serviron para sumar un importante triunfo antes do parón de Nadal.
FINAL no Pazo dos Deportes de Riazor!
Importante e traballado triunfo do #DeportivoLiceo antes do parón de Nadal. Pequeno e merecido descanso antes de continuar a nosa loita!#LiceoVilanova #OKLigaF pic.twitter.com/co88DugdkT
— Hockey Club Liceo Feminino (@HCLiceoFem) December 18, 2021
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Viki Caretta; Bea Gaete, María Sanjurjo, Alba Garrote, Adriana Soto (quinteto inicial), Ale Martín, Naiara Vaamonde, Lara Yáñez e Lucía Yáñez.
VILANOVA: Julia Baldrich; Marina Asensi, María Córdoba, Laura Manzanares, Paola Pascual (quinteto inicial), Blanca Angrill, Regina Giménez e Aina Martínez.
ÁRBITRO: Juan Iglesias Vallina. Amosou cartón azul á local Alba Garrote.
GOLES: 1-0 (Adriana Soto, min. 11). 1-1 (Paola Pascual, min. 29). 2-1 (Adriana Soto, min. 31). 3-1 (Naiara Vaamonde, min. 40). 4-1 (Adriana Soto, min. 47).
Xornada 8 da OK Liga Feminina 21/22. Pazo dos Deportes (A Coruña).