CRÓNICA | Estrea con triunfo (3-1)

CRÓNICA | Estrea con triunfo (3-1)

Marc Grau celebra o terceiro gol local. Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Un comezo inmellorable. Tres verbas que definen á perfección o primeiro partido de OK Liga do Deportivo Liceo 21/22. Fiable, perigoso e capaz de vencer ó Girona ante o milleiro de socios liceístas que acudiron ó Pazo dos Deportes. Os tres puntos inaugurais do curso xa están aquí.

O guion do choque viuse desde o principio. A iniciativa estivo na man dos de Juan Copa, dominadores e protagonistas do ataque, mentres o Girona procuraba subsistir mediante contras. A defensa verdibranca estivo realmente atenta para neutralizalas. A lóxica dicía que o gol local era cuestión de tempo e así foi.

Roberto Di Benedetto colleu a bóla, avanzou metros valéndose da súa potencia e atopou a portería dun bo Jaume Llaverola (minuto 10). Os xerundenses xa necesitaban algo máis que ser sólidos en defensa, aínda que seguiron fieis á idea principal. Finalmente foi productiva, xa que Àlex Grau logrou materializar un dos contraataques a falta de seis minutos para o descanso.

Fiabilidade

Nada cambiou unha vez chegado o segundo acto. O Deportivo Liceo continuou amosando a súa ambición pola vitoria mentres o Girona valoraba a prezo de ouro o empate parcial. Mesmo guion. Tamén no caso do terceiro gol do partido, que de novo ocorreu ós dez minutos.

Maxi Oruste pugna con Àlex Grau. Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

Xogada marca da casa de Roberto Di Benedetto, responsable de batir a Llaverola (2-1) con outra individualidade. Jordi Adroher contou coa posibilidade de anotar unha diana máis mediante a súa especialidade, a falta directa, pero o ferro opinou diferente. Mentres, Carles Grau evitaba o empate visitante con sendas paradas ó seu irmán Àlex e a Marc Vázquez.

Sen apenas tempo no marcador, o conxunto catalán optou por tomar riscos e atacar con cinco xogadores de campo. A estratexia non deu froitos. Marc Grau aproveitou un robo para anotar, a porta baleira, o 3-1 definitivo. El e os seus compañeiros procurarán a segunda vitoria consecutiva ante o Lleida (xoves 30, 21:00h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau; Roberto Di Benedetto, Àlex Rodríguez, Maxi Oruste, Jordi Adroher (quinteto inicial), César Carballeira, Marc Grau e Jordi Burgaya.

GIRONA CH: Jaume Llaverola; Àlex Grau, Hugo Laguna, Gerard Rovira, Marc Vázquez (quinteto inicial), Miguel do Vale, Biel Nadal, Gerard Pujol e Carles Sánchez.

ÁRBITROS: Rubén Fernández García e Nicolás Morandeira Sánchez. Sen cartóns.

GOLES: 1-0 (Roberto Di Benedetto, min. 10). 1-1 (Àlex Grau, min. 19). 2-1 (Roberto Di Benedetto, min. 36). 3-1 (Marc Grau, min. 48).

Xornada 2 da OK Liga 21/22. Pazo dos Deportes (A Coruña), 1.500 espectadores.

Deixa un comentario