Unha tempada como a que vén merece a mellor presentación, e o día marcado para ela é o vindeiro sábado 28 de agosto. Nesa data, co Pazo dos Deportes como recinto, o Deportivo Liceo verase de novo as caras coa súa afección ante un rival de altura: o Sporting de Portugal.
A presentación será dobre, posto que ás 19:00h terá lugar a edición feminina do partido. O equipo de Carlos Loureiro, recén ascendido á OK Liga, poderá mostrarse ante os liceístas na mesma pista que utilizará durante o curso. Ás 21:00h xogarase a edición masculina, na que Juan Copa e os seus -actuais vencedores da Copa do Rei- se enfrontarán ó campión portugués e europeo.
A tarde, chea de sorpresas, servirá tamén para presentar as dúas equipacións do Deportivo Liceo para a tempada 21/22. Non faltará nelas unha homenaxe ó 50º aniversario da fundación do club máis laureado do deporte galego.
O aforo permitido polas autoridades será de 1.000 persoas, que poden adquirir a súa entrada desde este mesmo momento. Será de forma telemática, con dúas ligazóns e prezos diferenciados para socios e non socios:
- SOCIOS (5 €): https://bit.ly/3B5v1sq
- NON SOCIOS (8 €): https://bit.ly/3ydNsJv
¡Liceístas, agardámosvos no Pazo dos Deportes! Queremos sentir os vosos primeiros folgos, que serán chave nun curso tan duro como ilusionante. ¡Axúdanos na nosa loita contra todo e contra todos!