CRÓNICA | ADN Liceo para comezar a pretempada (6-7)

CRÓNICA | ADN Liceo para comezar a pretempada (6-7)

Xira por Portugal, primeiro choque e primeiro golpe na mesa ó máis puro estilo Liceo. Juan Copa e os seus enfrontáronse ó Oliveirense, loitaron ata a fin e gozaron dun feliz desenlace. Sen Dava Torres (mancado) e Carles Grau (que non formou parte da expedición), asinaron con remontada un choque que non comezou nada ben.

O partido, aínda que de preparación, ofreceu fortes emocións desde o principio. Foi o equipo local o que se encargou de inaugurar a conta de goles por medio de Lucas Martínez (minuto 2). Pouco despois, Jordi Adroher empatou tralo rexeite dun penalti.

Tras un cuarto de hora de máis igualdade, o Oliveirense de Paulo Pereira atopou tres tantos na recta final do primeiro acto. Foron obra de Marc Torra (directa) e Xanoca (por partida dobre). 4-1 no entretempo.

20 minutos de maxia

Xa de regreso á pista do Pavilhão Dr. Salvador Machado, o conxunto luso aproveitou a inercia anterior para aumentar máis a súa vantaxe. Colocouse cun 6-1 tralos goles do exliceísta Franco Platero e de Lucas, pero a acción todavía non finalizara. Un motivado Roberto Di Benedetto anotou tres dianas (minutos 32, 38 e 39) que devolveron ó Liceo ó partido.

O 6-4 parcial non quedou niso. Àlex Rodríguez, unha das incorporacións do Deportivo Liceo para o curso, colocou o 6-5 tras unha boa definición. Marc Grau foi o encargado de empatar (minuto 45) e de remontar (minuto 50). O colofón para un vibrante partido.

O segundo choque desta xira por Portugal, coa AD Valongo como rival, será mañá sábado ás 18:00h (hora española).

FICHA TÉCNICA

OLIVEIRENSE: Diogo Fernandes; Franco Platero, Jorge Silva, Lucas Martínez, Xavi Cardoso (quinteto inicial), Xanoca, Franco Ferrucio, Marc Torra, Tomás Pereira, Nuno Araújo e Diogo Alves.

DEPORTIVO LICEO: Martín Garaboa; César Carballeira, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher, Marc Grau (quinteto inicial), Maxi Oruste, Jordi Burgaya, Àlex Rodríguez, Fran Torres e Mati Bridge.

ÁRBITRO: Paulo Almeida.

GOLES: 1-0 (Lucas Martínez, min. 2). 1-1 (Jordi Adroher, min. 6). 2-1 (Marc Torra, min. 20). 3-1 (Xanoca, min. 22). 4-1 (Xanoca, min. 23). 5-1 (Franco Platero, min. 26). 6-1 (Lucas Martínez, min. 27). 6-2 (Roberto Di Benedetto, min 32). 6-3 (Roberto Di Benedetto, min. 38). 6-4 (Roberto Di Benedetto, min. 39). 6-5 (Àlex Rodríguez, min. 39). 6-6 (Marc Grau, min. 45). 6-7 (Marc Grau, min. 50).

RECINTO: Pavilhão Dr. Salvador Machado.

Deixa un comentario