Dobre xornada na OK Prata Feminina

Dobre xornada na OK Prata Feminina

Imaxe: HOCKEY GLOBAL.

O Deportivo Liceo, xa líder da OK Prata Feminina, defenderá a súa condición de xeito dobre no inicio da segunda volta da competición. A fin de semana do 8 de maio traerá dous compromisos, ambos como local, contra o Gatikako Iusturi (sábado 8, 11:00h) e o CP Las Rozas (domingo 9, 16:00h). Serán enfrontamentos contra a parte baixa e a parte alta da actual clasificación, que as liceístas encabezan con 16 puntos de 18 posibles.

Aínda que non serven para gañar por decreto, os precedentes contra ambos equipos son positivos. Na primeira volta, o CP Las Rozas (terceiro clasificado, 13 puntos) foi o rival inaugural do Deportivo Liceo nun partido que rematou con vitoria coruñesa (0-2). Mellor resultado trouxo a visita ó conxunto do Gatikako Iusturi (sexto clasificado, 4 puntos), que deixou un contundente 0-9. O cadro vasco aproveitará a súa viaxe a Galicia para medirse tamén contra o filial do Borbolla.

O Deportivo Liceo chegará coa maior das confianzas a esta dobre proba. Co liderado na man e con catro vitorias consecutivas baixo o brazo, a máis recente delas foi contra o CPP Raspeig (1-7).

Deixa un comentario