Imaxe: Mónica Arcay.
É o que ten o deporte, que por momentos veñen mal dadas. Ó Deportivo Liceo tócalle repoñerse dunha dura derrota (5-4) en Vendrell, non exenta de polémica arbitral, pero derrota finalmente. A visita ó CH Palafrugell (sábado 1, 20:00h, OKLIGA.TV) pode ser un punto de inflexión positivo no que queda de curso. Aínda que as opcións por lograr o título da OK Liga sexan menores, restará a Copa do Rei de A Coruña.
Juan Copa e a súa expedición afrontarán este segundo partido pendente, aprazado no seu día por culpa da COVID-19, cos mesmos 67 puntos que adornaban o rexistro liceísta unha vez aterrizados en Cataluña. Continúan sendo sete menos cós do líder Barcelona (74) a falta dun mes de competición (catro partidos para os verdibrancos e tres para os culés).
Misterios sen resolver. pic.twitter.com/qcF62pks7y
— Hockey Club Liceo (@HockeyclubLICEO) April 30, 2021
No Pavelló Municipal de Palafrugell tocará recuperarse dunha derrota estraña con decisións arbitrais inexplicables, tal e como declarou o técnico do Deportivo Liceo: “Foi unha tolemia de partido. Felicitar ó Vendrell porque gañou coas súas armas, estivo intenso e moi agresivo. Xogábanse moito, pero nos tamén e un par de señores pensaron que só era o caso do Vendrell”.
Nanu Castro únese á expedición
No seu obxectivo por regresar á senda da vitoria, Copa terá dúas baixas por suspensión: Roberto Di Benedetto e Jordi Adroher, vítimas de sendos cartóns azuis no choque anterior. O técnico si poderá contar con Nanu Castro, xogador do OK Prata que xa estivo na dinámica do primeiro equipo durante a primeira volta.
O resto de integrantes da expedición estarán dispoñibles: Carles Grau, Martín Garaboa, César Carballeira, Franco Platero, Dava Torres, Fabri Ciocale, Maxi Oruste e Marc Grau.
Un Palafrugell perigoso
Vencer ó Palafrugell de Xevi García significaría facelo contra un equipo con armas variadas. Tantas ten o conxunto branco e negro que o seu porteiro, ademáis de demostrar un gran nivel á hora de deter goles, tamén os marca. O veterán Marcel Luzón, máis coñecido como Linu, foi o autor dun dos tres tantos que lle endosaron ó Lloret na xornada 20, aínda que o compromiso rematara en derrota.
A novena posición do conxunto catalán (29 puntos) otórgalle unha tranquilidade relativa. Ademáis de Linu, durante o curso tamén deron un paso hacia diante homes como Marc Figa e Sergi Canet, que suman un total de 42 goles entre os dous. O plantel do Palafrugell conta ademáis con xogadores perigosos como Franco Ceschin ou Xavi Aldrich, que aportaron outros 22 tantos.
En canto a números de carácter colectivo, o Palafrugell disputou 25 partidos cun rexistro de nove vitorias, sete empates, nove derrotas, 82 tantos a favor e 94 en contra. Na última xornada, o cadro catalán logrou empatar contra o Reus Deportiu (4-4).
O Deportivo Liceo conta co precedente positivo da primeira volta, na que conseguiu vencer por 5-1. Ocorreu nun día histórico que selou o seu novo récord de triunfos consecutivos na OK Liga (once, que serían doce tralo 0-4 posterior ó Calafell).