Imaxe: Manu Boutureira.
Nova fin de semana e nova cita para o Deportivo Liceo da OK Prata Masculina. O filial, que foi derrotado polo HC Sant Just na xornada 19, afrontará a 20 cun choque de nivel. Recibirá ó Vilafranca, segundo clasificado, o sábado 17 ás 19:00h (unha hora antes do compromiso do primeiro equipo en Girona). Será o antepenúltimo partido da tempada. Visitará A Coruña o conxunto de Antoni Porta, un dos favoritos ó ascenso á OK Liga 21/22, comandado polos seus tres artilleiros principais: Xavi Aragonès, Adrián Candamio e Joan Vázquez (20, 19 e 16 goles respectivamente).
A pesar da dificultade e da súa derrota recente, o cadro liceísta (28 puntos) continúa na posición cómoda que supón a súa sexta praza. Colleitou oito vitorias, catro empates e sete partidos perdidos.
Por outra parte, o Deportivo Liceo da OK Prata Feminina vivirá unha das dúas xornadas de descanso que lle tocan durante os seus meses de competición (formada por equipos impares). O conxunto verdibranco é o actual colíder da clasificación con 10 unidades de 12 posibles, só superado polo CP Alcorcón debido á diferenza global de goles. Volverá á OK Prata o sábado 24 de abril ás 19:00h, data na que se enfrontará ó filial do Borbolla.