Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).
Non houbo sorte. O Deportivo Liceo finalizou o seu camiño na Euroliga 2021 tras unha derrota ante o Benfica que rematou coas posibilidades de Final Four. O gran partido do meta luso, Pedro Henriques, foi clave na vitoria do equipo de Alejandro Domínguez.
A pesar dun comezo equilibrado, digno do choque ante o Barcelona, o portugués (que actuou de visitante) foi o cadro que logrou adiantarse no marcador unha vez superados os cinco minutos. Unha decisión rigurosa do colexiado permitiu o man a man de Diogo Rafael contra Carles Grau, que non puido deter o 0-1. O golpe de confianza foi aproveitado poucas xogadas despois, coa vantaxe dobrada tras unha boa xogada finalizada por Neves.
César Carballeira tivo a oportunidade de acurtar distancias cun lanzamento de penalti, pero Henriques detivo a bóla de forma maxistral. Non foi nin de lonxe un golpe emocional para o Deportivo Liceo, que continuou achegándose á zaga rival. Marc Grau e Maxi Oruste protagonizaron dúas oportunidades máis, ambas neutralizadas polo propio Henriques, aínda que a dinámica era favorable para o equipo coruñés. O marcador, iso si, era lisboeta.
A falta de seis para o entretempo, Roberto Di Benedetto encargouse de darlle algo máis de xustiza ó encontro. O seu 1-2 chegou tras un obús lonxano marca da casa. Lamentablemente, a fortuna non sorriu e o Benfica recuperou a marxe (1-3) por medio de Gonçalo Pinto. A 20 segundos da finalización da primeira parte, Rafael anotou o doloroso 1-4.
Diferencia de efectividade
Nada máis regresar, cada un dos equipos gozou dunha oportunidade a bóla parada. O penalti de Adroher foi novamente detido polo meta, mentres que a falta directa do exliceísta Ordoñez acabou desviada.
A pesar da boa actuación da defensa do Benfica, o conxunto de Juan Copa non desfaleceu. Continuou loitando ata a fin con diversos achegamentos que mantiveron alerta ó de Alejandro Domínguez, ben colocado.
De feito, o cadro portugués anotou o 1-5 mediante Diogo Rafael. Completou o seu hat trick desde o punto de penalti pouco antes de que Aragonès marcara o sexto e Pinto o sétimo. A falta de tres minutos para a fin, Marc Grau asinou o gol da honra que estableceu o 2-7 definitivo.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, Dava Torres, Jordi Adroher, Roberto Di Benedetto (quinteto inicial), Maxi Oruste, Marc Grau, Fabri Ciocale e César Carballeira.
BENFICA: Pedro Henriques, Valter Neves, Diogo Rafael, Lucas Ordoñez, Gonçalo Pinto (quinteto inicial), Miguel Vieira, Sergi Aragonès, Danilo Rampulla e Edu Lamas.
ÁRBITROS: Díaz Cosme e Miguel Guilherme. Sen cartóns.
GOLES: 0-1 (Diogo Rafael de penalti, min. 5). 0-2 (Valter Neves, min. 6). 1-2 (Roberto Di Benedetto, min. 19). 1-3 (Gonçalo Pinto, min. 20). 1-4 (Diogo Rafael, min. 25). 1-5 (Diogo Rafael de penalti, min. 38). 1-6 (Sergi Aragonès, min. 38). 1-7 (Gonçalo Pinto, min. 40). 2-7 (Marc Grau, min. 47).
INCIDENCIAS: Segundo partido da primeira fase da OK Euro (Grupo C). Pavilhão de Luso (Portugal).