CRÓNICA | Igualdade e porteiros (2-2)

CRÓNICA | Igualdade e porteiros (2-2)

Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

O hockey sobre patíns ofrecido na pista de Luso foi digno da competición á que correspondía. Tanto o Deportivo Liceo como o Barcelona completaron un partido de altísimo nivel que acabou en 2-2. Un punto para cada un nesta primeira fase da Euroliga. Juan Copa e os seus continúan totalmente vivos na gran competición continental.

Por intensidade ou por un listón arbitral baixo, o encontro comezou cun total de seis faltas nos seus primeiros compases. Tres para cada equipo que foron medrando a medida que corrían os minutos. Non eclipsou o ida e volta constante que presidiu a acción desde o seu instante inicial, materializado en gol por Dava Torres. O capitán do Liceo sacou da manga un recurso de xenio que sorprendeu a todos, incluido ó propio Aitor Egurrola. Este 0-1 chegou ós seis minutos e precedeu a unha actuación cun pouco menos de revolucións por parte dos verdes, que xogaron como visitantes.

A pesar dunha pequena etapa de control, o potencial do Barcelona permitiulle empatar o partido. No minuto 11, Ignacio Alabart anotou outro gol de enorme calidade que devolveu o equilibrio a un partido caracterizado por el. O que rozou novamente a diana foi o Deportivo Liceo trala décima falta do Barça, pero Egurrola detivo a definición de Adroher cunha acción de grandes reflexos.

Pau Bargalló si logrou establecer o 2-1 (minuto 21) ó finalizar unha xogada de estratexia. O descanso chegou con este marcador, acompañado dun 13-9 en faltas.

Dous muros

Unha vez regresados á pista de Luso, os porteiros decidiron redondear as súas exhibicións. As faltas directas para ambos equipos eran cuestión de tempo, chegaron xuntas e ningunha rematou en gol. A do Barcelona grazas a unha excelente intervención de Carles Grau e a verdibranca por culpa do longueiro. A continuación, a igualdade continuou acaparando o partido. Dava Torres gozou de dúas grandes oportunidades, pero Egurrola estivo atento para manter a vitoria parcial do seu equipo mentres o resto de blaugranas xeraban perigo constante na área liceísta.

O que puido ser o 2-2, obra de Roberto Di Benedetto, foi anulado polos colexiados de forma realmente rigurosa cando restaban dez minutos de segunda metade. Pouco despois, eles mesmos decretaron un penalti que César Carballeira transformou no empate. Adroher puido incluso oficializar a remontada coa súa terceira falta directa, pero o gran día de Egurrola evitouno. Carles Grau tamén detivo o 3-2 nunha oportunidade igual para Hélder Nunes. Así rematou.

Con apenas 20 horas de descanso, ó Deportivo Liceo tocaralle atoparse co Benfica para completar a súa primeira fase particular de Euroliga. Será o sábado ás 19:00h (hora española) e só valerá a vitoria.

FICHA TÉCNICA

BARCELONA: Aitor Egurrola, Hélder Nunes, Pau Bargalló, Pablo Álvarez, Sergi Panadero (quinteto inicial), Nil Roca, João Rodrigues e Matías Pascual.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, Dava Torres, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher (quinteto inicial), Maxi Oruste, Marc Grau e César Carballeira.

ÁRBITROS: Luís Peixoto e Joaquim Pinto. Sen cartóns.

GOLES: 0-1 (Dava Torres, min. 6). 1-1 (Ignacio Alabart, min. 11). 2-1 (Pau Bargalló, min. 21). 2-2 (César Carballeira de penalti, min. 40).

INCIDENCIAS: Partido inicial da primeira fase da OK Euro 2021 (Grupo C). Pavilhão de Luso (Portugal). Porta pechada.

Deixa un comentario