CRÓNICA | Vitoria de pegada e ambición (9-1)

CRÓNICA | Vitoria de pegada e ambición (9-1)

César Carballeira, tras anotar un dos seus tres goles. Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).

Terceiro triunfo consecutivo dun Deportivo Liceo ambicioso e batallador que superou con rotundidade ó Lloret (9-1) na xornada 22 da OK Liga. O equipo verdibranco continúa a súa persecución ó liderado, que sen dúbida loitará ata o final da competición.

Non se equivocaba Juan Copa coa súa análise previa do partido. A iniciativa foi do seu equipo, pero o Lloret amosou que ó contraataque podía facer serio dano. Ós cinco minutos xa avisou Marc González, un dos homes máis perigosos do conxunto catalán, pero a balanza do gol achegábase máis ó lado liceísta. Só quedaba transformarlo. Di Benedetto rozouno cunha definición ó ferro de Muñoz pouco despois de que o mesmo meta detivera unha gran xogada individual de Adroher.

A partir deste momento, o Deportivo Liceo foi capaz de ler á perfección o partido. Logrou atacar sen permitir posibilidade algunha de contras e, esta vez si, materializou o dominio con goles. Foron de César Carballeira en medio minuto máxico. Quedaban 15 para o descanso. Tres despois, o coruñés completou o seu triplete (3-0) desde o punto de penalti. O mago Adroher non foi menos e anotou outros dos goles (5-0) de forma aínda máis inmediata có seu compañeiro.

Dominio e control

Martín Garaboa ocupou o posto de Carles Grau tras o descanso e estivo a punto de deter unha falta directa de Marc González nada máis regresar a pista. Este 5-1 foi rápidamente neutralizado polo recén renovado Dava Torres, que devolveu a vantaxe de cinco goles co seu primeiro particular. O seu segundo (7-1) chegou a 20 do final.

Precedeu a unha nova etapa de control e dominio liceístas, que atacaron ata o final a meta protexida por Andreu Muñoz. Franco Platero participou na goleada co 8-1 e Martín Garaboa vengouse de Marc González deténdolle a súa falta directa cando restaban oito minutos para a conclusión. Finalmente, o propio Platero anotou o 9-1 definitivo.

Ó Deportivo Liceo tocaralle continuar a súa persecución ó liderado na pista do CE Noia Freixenet.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, Dava Torres, Roberto Di Benedetto, Jordi Adroher (quinteto inicial), Martín Garaboa, César Carballeira, Marc Grau, Maxi Oruste e Fabri Ciocale.

CH LLORET: Andreu Muñoz, Adrià Farré, Marc González, Max Thiel, Moi Aguirre (quinteto inicial), Joel Noguero, Pau Castells e Xavi Pérez.

GOLES: 1-0 (César Carballeira, min. 15). 2-0 (César Carballeira, min. 15). 3-0 (César Carballeira, min. 17). 4-0 (Jordi Adroher, min. 21). 5-0 (Jordi Adroher, min. 22). 5-1 (Marc González, min. 26). 6-1 (Dava Torres, min. 27). 7-1 (Dava Torres, min. 31). 8-1 (Franco Platero, min. 39). 9-1 (Franco Platero, min. 45).

ÁRBITROS: Villar Costa e Martínez Suárez. Mostraron cartón azul ó local Jordi Adroher.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 22 da OK Liga 20/21. Pazo dos Deportes de Riazor, 250 espectadores.

Deixa un comentario