Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).
A ruta está clara. Loitar ata o final, pase o que pase, é innegociable para un Deportivo Liceo que continuará a súa viaxe recibindo ó CP Voltregà na xornada 20 da OK Liga (venres 19, 19:30h, HOCKEY GLOBAL). O obxectivo tamén é evidente: gañar para presionar ó líder.
Este novo paso terá lugar tras degustar novamente os tres puntos en Mataró (0-6). Chegaron despois de dous tropezos consecutivos nunha resurrección que Juan Copa non quere obviar: “Só valía a vitoria, como a partir de agora. Viñamos de dous resultados malos e queríamos sacar un triunfo recuperando sensacións, algo que tamén fixemos”, declarou a HOCKEY GLOBAL.
Estas tres unidades conformaron as actuais 49 do Liceo, tres menos con respecto a un Barcelona que goza de golaveraxe favorable. A pesar de non ser a mellor situación, as once xornadas restantes de competición nacional non a converten, nin moito menos, en definitiva.
Resurrección coral
Outro dos aspectos positivos da vitoria ante o Mataró, ademáis dos tres puntos, foi o feito de que os seis goles presentaran diferente autoría. Foron obra de César Carballeira, Maxi Oruste, Dava Torres, Franco Platero, o recén renovado Roberto Di Benedetto e un Marc Grau que viu porta tras varias xornadas sen facelo. El mesmo falou en HOCKEY GLOBAL sobre este feito, aínda que lle quitou importancia: “É certo que a un dianteiro sempre lle gusta marcar, pero tamén valoramos outras cousas como o traballo en equipo. Ó final o importante é o grupo e que funcione. Se non marco eu marcará outro”.
Tanto Marc como o resto do primeiro plantel do Liceo estarán dispoñibles para Juan Copa na súa búsqueda da segunda vitoria consecutiva.
Un Voltregà potente
Aterrizará en A Coruña o Voltregà, un dos equipos con mellor forma e rendemento de toda a OK Liga. Actuais sextos clasificados, os xogadores dirixidos por Manolo Barceló implicarán un obstáculo importante para o Deportivo Liceo.
Juan Copa é plenamente conscente diso: “É un equipo que está facendo moi ben as cousas, con alto carácter competitivo. Imos ter que fixarnos, sobre todo, en superar a súa defensa para conseguir os tres puntos. Están moi marcados pola liña do seu adestrador. Seguramente haberá que madurar o partido pouco a pouco”, comentou na previa do encontro.
A pesar do precedente positivo da primeira volta, na que o conxunto coruñés venceu por 1-4, o Voltregà conta con potencial para poñer en serios problemas ós anfitrións. O tridente formado por Arnau Canal, Eric Vargas e Gerard Teixidó suma un total de 43 tantos, sen ir máis lonxe. Tamén conta cun entramado defensivo maduro e sólido. O Liceo deberá superar estes factores para sumar outros tres puntos vitais.