CRÓNICA | Volve o triunfo (0-6)

CRÓNICA | Volve o triunfo (0-6)

Imaxe: David Valiente.

Loitar ata o final. É a intención do Deportivo Liceo no que queda de OK Liga e iso amosou en Mataró tras vencer por 0-6. O equipo dirixido por Juan Copa colócase con 49 puntos tras o partido inaugural da xornada 19, aínda na segunda posición pero de novo na senda do triunfo.

Co obxectivo de truncar a súa racha de dúas derrotas consecutivas, os verdibrancos (esta vez vestidos de branquiazul) saíron á pista coa intención clara de dominar o partido. Atopáronse con Sergi Grané, que xa completara un gran partido no choque de Riazor, pero a clara superioridade visitante materializouse no 0-1 a falta de oito minutos para o descanso. O responsable foi Maxi Oruste, que recolleu unha bóla morta na área para abrir o marcador cun remate preciso.

O Mataró tivo a oportunidade de empatar cinco minutos despois, pero a falta directa de Erik Gual foi detida por Carles Grau. O porteiro menos batido da OK Liga amosou novamente a razón do seu título. Pouco despois, o equipo de Juan Copa deulle máis tranquilidade ó tempo de descanso grazas ó gol de Marc Grau (0-2).

Dominio constante

O regreso non puido ser mellor. Dava Torres, capitán, maniobrou de forma excelente para superar a Sergi Grané e anotar o 0-3. Escaso tempo pasou ata que Platero ampliou a vantaxe a 0-4 cun dos seus disparos característicos, ante o que nada puido facer Grané.

O Mataró procurou facer dano para meterse no partido, pero a solidez do Deportivo Liceo evitou o gol. Un enorme César Carballeira traballou defensiva e ofensivamente, xa que o 0-5 tivo a súa rúbrica. A un minuto do final, e despois de dous remates ó ferro do conxunto local, Roberto Di Benedetto estableceu o 0-6 definitivo.

A loita polo título continuará coa visita do Voltregà ó Pazo dos Deportes de Riazor. Será a xornada 20 das 30 que conforman esta OK Liga.

FICHA TÉCNICA

CH MATARÓ: Sergi Grané, Gerard Cusachs, Eric Florenza, Marc Ollé, Álex Cantero (quinteto inicial), Erik Gual, Bernat Romero, Guillem Carbonell e Oriol Lladó.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Roberto Di Benedetto, Marc Grau, Jordi Adroher (quinteto inicial), Franco Platero, Maxi Oruste, Fabri Ciocale e Dava Torres.

GOLES: 0-1 (Maxi Oruste, min. 17). 0-2 (Marc Grau, min. 24). 0-3 (Dava Torres, min. 27). 0-4 (Franco Platero, min. 31). 0-5 (César Carballeira, min. 40). 0-6 (Roberto Di Benedetto, min. 49).

ÁRBITROS: Buixeda Gallart e Tavera Bellido.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 19 da OK Liga 20/21. Pavelló Municipal Jaume Parera i León, porta pechada.

Deixa un comentario