Imaxe: HOCKEY GLOBAL (Mónica Arcay).
Como se de dous amigos xogando a videoxogos se tratase, o Deportivo Liceo e o Reus citaranse por segunda vez en 7 días para unha revancha. No primeiro partido, correspondente á semifinal da Ilerna Online Supercopa de España, o triunfo caeu do lado catalán. Non sen loita por parte de Juan Copa e os seus, cabe aclarar. Este novo asalto (domingo 10, 18:00h, OKLIGA.TV) será xa de OK Liga, pero igual de importante có anterior.
Enfrontaranse o Liceo, líder invicto da competición, contra un Reus que ocupa a terceira posición. Un duelo de altura no que a expedición coruñesa actuará novamente como visitante, pero esta vez na verdadeira casa do seu rival. O obxectivo de Juan Copa e os seus muchachos é claro: regresar á senda das vitorias e defender o primeiro posto. Aínda así, a grande entidade do Reus dificultará considerablemente o camiño.
De esta maneira ve Jordi Adroher a visita ó Palau d’Esports, tras a derrota pasada na Supercopa: “Queríamos pasar pero non fixemos o partido que queríamos facer. Hai que darlle mérito ó Reus, fixo as cousas moi ben. Nós temos que analizar o que fixemos, melloralo e non cometer os mesmos erros”, declarou a HOCKEY GLOBAL.
Na liña da solidez defensiva
Se por algo se caracterizou o Deportivo Liceo durante a tempada foi polos seus escasos goles encaixados. Tan só 16 en 13 partidos, 12 menos que o segundo desta clasificación: o Barcelona. Os sete recibidos na Supercopa foron a única excepción da clara tendencia, e precisamente en seguila está outra das metas do partido. Para Adroher, a solidez tamén é indudablemente a clave do equipo: “Esperamos continuar coa mesma liña na que levamos durante todo o ano. Esa solidez é do máis importante que temos”.
Para a visita a Reus, Juan Copa contará coa totalidade do seu plantel: Carles Grau, Martín Garaboa, Franco Platero, César Carballeira, Dava Torres, Maxi Oruste, Marc Grau, Roberto Di Benedetto, Fabri Ciocale e Jordi Adroher.
Co ollo en Raúl Marín
O duelo de Supercopa deixou protagonismo para a bóla parada do mencionado Adroher, pero tamén para un excelente Raúl Marín. O atacante, máximo realizador da OK Liga, endosou catro goles ó Deportivo Liceo que serviron para darlle o pase ó Reus Deportiu. Todos eles, mostra da súa potencia e da súa letalidade de cara a porta tanto a bóla parada como xogada.
Marín non será a única ameaza, posto que o equipo de Jordi García tamén conta con dous homes que non perdoan: Marc Julià e Àlex Rodríguez, con 17 e 19 goles respectivamente na competición nacional. Sempre perigosos dentro dunha das mellores ofensivas de Europa.