Imaxe: Hockey Global (Mónica Arcay).
Este Deportivo Liceo ilusiona. Non só polo seu bo xogo e pola súa efectividade, senón pola súa capacidade de adaptación a estas difíciles circunstancias. Esta vez venceu ao Vic por 10-3, nunha nova demostración de poder ofensivo na que destacaron os catro goles de Maxi Oruste.
Tres minutos e o Liceo xa avisara tres veces de forma seria. Franco Platero e Jordi Adroher deron de comer ao pao da portería de Burgaya, pouco antes de que o colexiado anulara un gol a César Carballeira. A xogada que cambiou os primeiros compases do partido non foi moi diferente, pero non caeu do lado desexado. Platero repetiu o seu tiro ao pao, aínda que foi o visitante Met Molas o que anotou o 0-1 no contraataque (minuto 9).
Os verdes responderon dobrando as súas ofensivas, pero o meta do Vic fíxose xigante. Detivo oportunidade tras oportunidade, pero Platero desquitouse dos seus dous ferros anteriores e estableceu o empate. A treboada dos de Juan Copa non rematou. De pouco servía empatar, así que Dava Torres completou a remontada de penalti (2-1). Maxi ampliou a faena (3-1) e Adroher completouna (4-1). O susto inicial quedouse niso.
Maxi Oruste entre a tormenta
Diríase que o Deportivo Liceo regresou na segunda parte con máis confianza, pero realmente nunca demostrou o contrario. Marc Grau anotou o quinto gol local (minuto 30), pero a totalidade do equipo continuou buscando máis goles. O Vic, por outro lado, adicouse a aguantar embestidas mentres Antoine Le Berre intentaba poñer en problemas a Carles Grau sen moito éxito.
Maxi Oruste adicouse a marcar e marcar. En apenas tres minutos, o arxentino anotou tres goles que deixaron a súa conta particular en catro. Todo encarrilado, aínda que o visitante Arnau Font maquillara o marcador para firmar o 8-2. Tampouco durou moito, porque a sangría de goles chegada a partir do minuto 40 non deixaba tempo nin para respirar. Adroher marcou o 9-2 con suspense e Pablo Parga, xogador do OK Plata, estableceu o 10-2. Quedaba tempo, incluso, para que Arnau Font firmara o 10-3 definitivo a falta dun segundo para o final.
Nova vitoria e mellores sensacións. A vindeira parada do Deportivo Liceo será en Voltregà, onde xogará o mércores 18 ás 19:30h.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, César Carballeira, Dava Torres, Jordi Adroher (cinco inicial), Marc Grau, Maxi Oruste e Pablo Parga.
CP VIC: Ernest Burgaya, Arnau Font, Met Molas, Oriol Ramírez, Carles Sánchez (cinco inicial), David Montero, Antoine Le Berre, Arnau Parcerisas e Albert Masoliver.
GOLES: 0-1 (Met Molas, min. 9). 1-1 (Franco Platero, min. 14). 2-1 (Dava Torres, min. 19). 3-1 (Maxi Oruste, min. 21). 4-1 (Jordi Adroher, min. 21). 5-1 (Marc Grau, min. 30). 6-1 (Maxi Oruste, min. 39). 7-1 (Maxi Oruste, min. 40). 8-1 (Maxi Oruste, min. 41). 8-2 (Arnau Font, min. 44). 9-2 (Adroher, min. 45). 10-2 (Pablo Parga, min. 47). 10-3 (Arnau Font, min. 49).
ÁRBITROS: López Quinteiro e Villar Costa.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 8 da OK Liga 20/21. Pazo dos Deportes de A Coruña, 30 espectadores.