CRÓNICA | Esta xente non para (5-0)

CRÓNICA | Esta xente non para (5-0)

Imaxe: Hockey Global (Mónica Arcay).

Regreso ás pistas e regreso á vitoria. É xa a quinta do Deportivo Liceo de Juan Copa en cinco partidos de OK Liga, a pesar do pequeno parón debido aos positivos en COVID-19 do Voltregà. Esta vez visitou o Pazo (sen público polas restricións sanitarias) o Vendrell de Josep Lluís Delriu, que a pesar da derrota non puxo as cousas nada fáciles para o equipo coruñés.

Puideron adiantarse os verdes nun man a man de Adroher contra Shehda nada máis comezar, pero o meta do Vendrell mantívose firme. El e tódolos seus compañeiros, que saíron á pista do Pazo con solidez e ganas de facer dano ao Liceo. Estiveron a piques de conseguilo aos cinco minutos de partido, cando Necchi errou a falta directa froito dun cartón azul a César Carballeira. Foi detida por un inmenso Carles Grau, que fixo o propio co remate posterior de Curro.

Sen embargo, o que golpeou primeiro foi Franco Platero cun gol que truncou a boa salida do Vendrell. Seguiuno Roby Di Benedetto con dous soberbios disparos lonxanos (minutos 8 e 9) que aumentaron a vantaxe a 3-0. O Liceo, ben contido ao principio polo seu rival, demostrou a pegada digna dun equipo que segue gañando todo.

O día dos Grau

Marc Grau aumentou a festa co 4-0, e nen sequera se sobrepasara o ecuador da primeira metade. Aínda así, o protagonismo dos atacantes pasou ao outro Grau. Nunha nova actuación para lembrar, o porteiro do Liceo detivo dúas faltas directas e un penalti en tan só os primeiros 25 minutos.

O equipo de Juan Copa regresou á pista do Pazo tras o descanso coa intención de aumentar aínda máis a súa vantaxe, pero topouse cun Vendrell recomposto. Adroher e Dava Torres (hoxe con brazalete en honor á asociación Perrunas) erraron dúas faltas directas, pero Marc Grau colocou o quinto gol a once minutos para o final. Dobrete.

A quinta consecutiva xa está na casa. Se as circunstancias sanitarias o permiten, o Deportivo Liceo buscará a sexta na cancha do Lloret (fin de semana do 7 de novembro).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, César Carballeira, Dava Torres (c), Jordi Adroher (cinco inicial), Maxi Oruste, Roberto Di Benedetto e Marc Grau.

CE VENDRELL: Álvaro Shehda, Xavier Crespo, Salvador Escala, Emanuel Necchi (c), Curro Fernández (cinco inicial), Roc Llisa, Gerard Miquel, Iker Casado e Lluís Ferrer.

GOLES: 1-0 (Franco Platero, min. 5). 2-0 (Di Benedetto, min. 8). 3-0 (Di Benedetto, min. 9). 4-0 (Marc Grau, min. 11). 5-0 (Marc Grau, min. 39).

ÁRBITROS: López Leitón, Díaz Sánchez e Morandeira Sánchez. Mostraron cartón azul a César Carballeira e Dava Torres no Deportivo Liceo. Por parte do Vendrell, viron o cartón Xavier Crespo e Curro Fernández.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 9 da OK Liga 20/21. Partido adiantado ao 1 de novembro tras o acordo entre Liceo e Vendrell. Pazo dos Deportes de A Coruña, sen espectadores.

Deixa un comentario