Imaxe: Hockey Global (Mónica Arcay).
Todo o mundo tiña xa na cabeza que esta OK Liga non ía ser como as demáis. A tormenta perfecta da COVID-19 chegou e rodeou a un partido que, en condicións normais, ía celebrarse dentro de varias semanas. O Pazo dos Deportes tamén ía acoller a certo público, pero unhas restricións baixaron o número permitido de asistentes. As máis recentes, directamente, converten a esta cifra en cero. Ó redor de todas estas circunstancias, o Liceo recibirá ao CE Vendrell (domingo 1 de novembro, 12:00h, HOCKEY GLOBAL) nun partido adiantado correspondente á novena xornada.
Para Juan Copa e os seus xogadores existían dúas opcións: cambiar de data este encontro ou estar dúas xornadas sen competir debido aos positivos de Voltregà e Palafrugell. Máis, incluso, contando o adiamento da Liga Europea ata o inicio de 2021: “Tiñamos claro que ía ser unha tempada atípica, con cousas que non poderíamos controlar. Nese sentido, hai que ser fortes mentalmente”, declarou Copa a Hockey Global. Este adiantamento, á vez, beneficiará a un Vendrell amenazado con outro parón competitivo polos positivos dos seus rivais.
Obxectivo: continuar o pleno de vitorias
Antes de parar as máquinas competitivas, o Deportivo Liceo contaba os seus partidos por triunfos. A meta neste regreso é a mesma, segundo o capitán Dava Torres, pero cunha dificultade extra: “Non vén ben parar cando estás nunha boa dinámica, pero hai que estar preparados porque en calquera momento pode ocorrer. Vai ser un partido no que teremos que facernos fortes, contra un Vendrell que vén con boas sensacións”, declarou o xogador do Liceo a Hockey Global.
O equipo coruñés rematou no seu día a xornada 4 como líder en solitario, pero a multitude de partidos adiados desvirtuou calquera interpretación da clasificación. Por esa razón, o obxectivo de Torres, dos dous Grau, Adroher, Di Benedetto, Garaboa, Platero, Oruste e Carballeira debe ser gañar e non gastar forzas en ver a táboa da OK Liga.
Contra a ilusión dun ascendido
Visitará A Coruña o CE Vendrell de Josep Lluís Delriu, un dos ascendidos á OK Liga 20/21. O equipo catalán, caracterizado por un xogo dinámico, colleitou 5 puntos nos 5 partidos que disputou. Tamén conta cun home destacado de cara a gol: Emanuel Necchi, autor de 4 tantos ata o momento e que tan só abandonou a pista sen marcar nunha ocasión. Ademáis de con Necchi, Delriu tamén viaxará con Ot Arbo, Iker Casado, Xavi Crespo, Joan Escala, Fran Fernández, Lluís Ferrer, Roc Llisa, Gerard Miquel e Álvaro Shehda-Bernárdez-Golpe.
Todo disposto para un partido accidentado que será retransmitido por HOCKEY GLOBAL e OKLIGA.TV.