CRÓNICA | Un minuto máxico alza ao filial á vitoria (2-5)

CRÓNICA | Un minuto máxico alza ao filial á vitoria (2-5)

Imaxe: Manu Boutureira.

¿Como se remonta unha remontada? Pregúntenlle ao filial do Deportivo Liceo. Os xogadores de Stanis García colleitaron un bo triunfo (2-5) ante o Finved Capellades e en pista rival, tras un minuto fantástico no que Fran Torres e Nanu Castro anotaron dous goles decisivos.

O filial comezou con ganas, pero atopou a un Capellades moi voluntarioso. Os ataques dos hoxe visitantes foron ben contidos nos primeiros minutos de partido, e foi de feito o equipo catalán o que puido poñerse por diante. Matías Bridge, meta do Deportivo Liceo, detivo tres ocasións claras dos seus rivais cunhas intervencións excelentes. Tres minutos despois, o liceísta Aldo Mejía non acertou a marcar na oportunidade máis clara do seu equipo ata o momento.

O partido cambiou cando o local David Tarrida viu o cartón azul, nunha decisión altamente protestada polos seus compañeiros. Danilo errou a falta directa, pero a superioridade froito da acción si foi aproveitada por Nahuel Castro (min. 16), un dos habituais nas convocatorias de Juan Copa. Tras o tanto, as ocasións chegaron da parte dun Capellades que non parou de atopar a un imperial Mati Bridge. Sen embargo, Tarridas empatou o encontro a falta dun minuto para o descanso.

Paciencia e capacidade de reacción

En xeral, as oportunidades máis claras foron sempre para os xogadores de Antoni Tadeo. Aproveitalas ou non xa era outra cousa. Jesús Sola si logrou remontar o partido (2-1) nun man a man, pero o minuto 32 chegou cunha tormenta blanquiverde. En apenas segundos, Aldo Mejía e Fran Torres converteron o 2-1 en favor do Capellades nun 2-3 para o filial comandado por Stanis García. Un equipo logrou ser perigoso, pero o outro foi efectivo e decisivo. Fran Torres oficializou o seu segundo gol para colocar o 2-4 no marcador, e Carlos Alonso estableceu o 2-5 definitivo a 45 segundos do final.

Vitoria e condición de invicto defendida para afrontar un pequeno parón na competición. O filial do Deportivo Liceo regresará á acción o vindeiro 7 de novembro, día no que recibirá ao CP Tordera (18:00h).

FICHA TÉCNICA

FINVED CAPELLADES: Albert Povedano, Guillem Martí, Jesús Sola, Joan Masoni, Oriol Prat (cinco inicial), David Tarrida, Aleix Còrdoba, Jordi Masoni e Pau Margarit.

DEPORTIVO LICEO B: Mati Bridge, Dani López, Aldo Mejía, Nahuel Castro, Fran Torres (cinco inicial), Álex Novoa, Rubén Martín e Carlos Alonso.

GOLES: 0-1 (Nahuel Castro, min. 16). 1-1 (David Tarrida, min. 23). 2-1 (Jesús Sola, min. 31). 2-2 (Aldo Mejía, min. 32). 2-3 (Fran Torres, min. 32). 2-4 (Fran Torres, min. 45). 2-5 (Carlos Alonso, min. 49).

ÁRBITROS: Valiente Soler e León Figueroa. Mostraron cartón azul a David Tarrida por parte do Capellades.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á terceira xornada da OK Plata 20/21 (Grupo Norte). Polideportivo de Capellades, 40 espectadores.

Deixa un comentario