Imaxe: Manu Boutureira.
Como se di nestes casos, “a seguir”. A OK Liga non para, pero esta segunda xornada de competición non será unha calquera. Por primeira vez desde o 3 de marzo, Juan Copa e os seus xogadores collerán o stick ante o público do Pazo dos Deportes. O rival, por cousas do destino, será o mesmo: o Club Patí Taradell. A data, o venres 2 de outubro ás 20:45h.
O aforo do Pazo estará limitado a tan só 300 persoas, pero os seus ánimos e as ganas do Liceo non serán os mesmos de sempre. “Traballamos e xogamos por e para eles”, valorou o técnico liceísta no penúltimo adestramento da semana. Estas dúas bazas, unidas ao bo xogo mostrado na vitoria por 0-4 ante o Igualada, serán as que utilizará o equipo coruñés na súa busca pola segunda consecutiva e o 6 de 6 en puntaxe. Copa mostrouse contento tanto nos intres posteriores ao partido en Igualada como na previa desta segunda xornada de OK Liga: “Fixemos un partido serio, moi traballado. Costou abrilo, pero traballamos ben e fomos moi sólidos”, declarou a Hockey Global.
O Taradell, un rival de pasado e presente
Se o Liceo xa conseguiu vencer naquel último partido do 3 de marzo (8-2), tamén pode facelo agora. Para iso, Juan Copa irá con todo: o todavía imbatido Carles Grau, os xa goleadores Maxi Oruste, Jordi Adroher, Marc Grau e Franco Platero; César Carballeira, Martín Rodríguez, Roberto Di Benedetto e o capitán Dava Torres.
Aínda así, non será unha tarea sinxela, posto que o Taradell é outro dos equipos que saíron vitoriosos da xornada inaugural. O triunfo ante o Lloret (3-2) deu moral a Ferran Moreno e ós seus xogadores, que o curso pasado encargáronse de poñer fin a unha racha de 10 vitorias consecutivas do Liceo. Esta vez procurarán deter o seu ilusionante inicio de tempada. Viaxarán a A Coruña con homes en racha como Marçal Casadevall, Daniel Rodríguez e Víctor Crespo, autores dos tres tantos endosados ao Lloret.
Reúnense todos os condicionantes para convertir a este partido nunha cita especial, das que se lembran. Todo aquel que non poida entrar nos 300 elixidos para vela en directo si será quen de facelo a través da plataforma HOCKEY GLOBAL.