CRÓNICA | O mellor comezo posible (0-4)

CRÓNICA | O mellor comezo posible (0-4)

Imaxe: Xavi García.

A empresa era complicada, pero o resultado non puido ser mellor. O Deportivo Liceo plasmou cun valioso triunfo (0-4) a súa estrea na presente OK Liga, co Les Comes de Igualada como escenario principal.

Os primeiros 20 minutos da aventura particular dos verdes na competición doméstica non estiveron marcados polos goles. Nin de uns nin de outros. Si atoparon os de Juan Copa a un Igualada serio e rocoso, como vén sendo habitual no equipo de Cesc Linares. Os cataláns mantiveron firmes aos coruñeses a costa de aumentar as súas estadísticas de faltas, que subiron a 5 cando apenas correran 10 minutos no reloxo.

Linares chamou aos seus para un necesario tempo morto, pero o que ocorreu posteriormente non entraba nos seus plans. Nada máis volver á pista, foi Maxi Oruste o que inaugurou a conta do Liceo (0-1) nesta competición, grazas a unha boa finalización que non puido deter o meta Elagi. Os pupilos de Copa lograran romper o xeo, e de forma merecida. Por se fora pouco, o mago Jordi Adroher dobrou a vantaxe (0-2) cando apenas quedaba tempo para o descanso.

Sentenza cun toque de épica

O Deportivo Liceo tiña o deber de pechar un partido que xa estaba ben encarrilado, pero non tivo as cousas sencillas. Aos poucos minutos da reanudación, o arxentino Franco Platero viu un cartón azul que deixou aos de Juan Copa con inferioridade numérica temporal. O técnico liceísta pediu tempo morto, e o que ocorreu nada máis regresar á pista de Les Comes foi o gol de Marc Grau. Unha desvantaxe numérica ben tapada. Ese toque de épica recibiu a guinda cando o propio Platero, protagonista da azul, saldou o definitivo 0-4 a tres minutos do final.

Primeiro partido, primeiro triunfo e unhas sensacións realmente positivas. Juan Copa deberá aproveitarlas no debut do Deportivo Liceo no Pazo dos Deportes, a celebrar na xornada 2 ante o Taradell.

FICHA TÉCNICA

IGUALADA RHC: Elagi Deitg, Ton Baliu, Bernat Yeste, Sergi Pla e Aleix Marimon (cinco inicial). Tamén xogaron Marc Palau, Gerard Riba e Roger Bars.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Dava Torres, Franco Platero e Jordi Adroher (cinco inicial). Tamén xogaron Maxi Oruste, Marc Grau e Roberto Di Benedetto.

GOLES: 0-1 (Maxi Oruste, min. 19). 0-2 (Jordi Adroher, min. 24). 0-3 (Marc Grau, min. 37). 0-4 (Franco Platero, min. 47).

ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e Ángel Tavera Bellido. Mostraron cartón azul ao liceísta Franco Platero no minuto 36 de partido.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á Xornada 1 da OK Liga 20/21, disputado no Les Comes de Igualada. Con presenza de público nas gradas.

Deixa un comentario