Imaxe: Manu Boutureira.
Chegou o primeiro paso dun camiño, a OK Liga 20/21, que durará 30 xornadas. É o momento da munición real para o Deportivo Liceo, que terá na cancha do Igualada (sábado 26, 20:30h, OKLIGA.TV) a súa pedra de toque inicial. Será un ano atípico, precedido por unha pretempada de iguais condicións, pero nin eso nin o sistema de competición afectaron á motivación de Juan Copa e os seus: “Estamos ilusionados por volver a competir. É unha tempada longa e esperamos que non haia ningún contratempo”, comentaba o técnico liceísta no adestramento previo ao choque.
Agarda un Igualada forte pero coa baixa de Jordi Méndez, que optou por iniciar unha aventura no hockey de Italia. Aínda así, o conxunto de Cesc Linares recibirá ao Liceo cun total de dez xogadores de calidade: o meta Elagi Deitg, Marc Palau, Sergi Pla, Bernat Yeste, Jaume-Arnau Marquès (única incorporación da tempada), César Vives, Roger Bars e o capitán Ton Baliu. A estes oito únese a convocatoria de dous xogadores junior: Aleix Marimon e Gerard Riba. Juan Copa é sabedor do potencial do equipo catalán: “Estos partidos sempre son complicados. O Igualada é un gran equipo, pero temos a confianza de poder conseguir os tres puntos”.
O Liceo, rodado e listo para a acción
Por outra parte, o Liceo viaxará ó Complexo Deportivo Les Comes con todos os seus efectivos dispoñibles. Aos xa habituais Carles Grau, Martín Rodríguez, Franco Platero, Dava Torres, Marc Grau, Roberto Di Benedetto e Maxi Oruste únense as dúas fichaxes realizadas durante o verán. As dúas, de renome: Jordi Adroher e César Carballeira, que xa vestiron a camisola verde nos diversos amistosos realizados durante a pretempada. Un plantel de nivel que só sufriu a baixa de Bruno Di Benedetto, con destino Lleida, e as cesións de Facu Bridge (Riba d’Ave) e Fabri Ciocale (HC Braga).
A fase de preparación, sempre condicionada polas excepcionais circunstancias sanitarias, permitiu que a expedición liceísta levara a cabo un stage breve en terras lusas. Xogou contra tres equipos locais: o OC Barcelos, a AD Valongo e o poderoso FC Porto, cun balance dunha victoria, un empate e unha derrota respectivamente. O Porto e o Valongo tamén foron protagonistas de sendos amigables no Pazo dos Deportes, cunha victoria e unha derrota para os de Juan Copa.
O primeiro paso na renovada OK Liga, xa con munición real, terá lugar o sábado 26 ás 20:30h. O partido será retransmitido de balde pola plataforma OKLIGA.TV.