27 de outubro de 2024
Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Deportivo Liceo non logra levar os tres puntos ante o Barcelona.
O gran Clásico entre o Deportivo Liceo e o Barcelona rematou con cor azulgrana. Riazor, cheo de liceístas para apoiar ó seu equipo, non puido presenciar unha vitoria local a pesar dun bo comezo de partido. Os tres puntos, desafortunadamente, foron para o conxunto dirixido por David Cáceres tras remontar o gol inicial de César Carballeira.
O primeiro golpe foi liceísta
Inicialmente apareceron dous nomes propios liceístas para inclinar parcialmente o resultado. Pasaran cinco minutos cando o mencionado César, co mesmo número ás costas, mostroulle ó Pazo un dos seus disparos lonxanos marca da casa. Lanzou a bóla dende a súa propia pista e sorprendeu tanto a Carles Grau como ós presentes, que fixeron tremer Riazor co berro de gol.
Un tanto por enriba e un Barça que deu todo para buscar o empate. Foi entón cando apareceu a figura do número 10, un Martí Serra moi acertado tanto en distancias longas como curtas. Mentres tanto, Fabri Ciocale e Nil gozaron de dúas boas oportunidades para dobrar a vantaxe liceísta: un remate forzado pero realmente próximo, ademais doutro fronte ó meta culé que se foi lixeiramente alto. Un resultado e 25 minutos por diante para defendelo.
Remontada visitante
A pesar do esforzo, dous minutos negros condenaron ó Liceo. Ferran Font conseguiu remontar o partido entre o minuto 29 e o 30 con dous remates de calidade. Ignacio Alabart, no 33, ampliou a distancia co 1-3, poñendo todo máis costa arriba. Aínda así quedaba moito tempo por diante.
O Liceo de Juan Copa buscou insistentemente sumar, aínda que a defensa culé e a actuación de Carles Grau o impediron. Tampouco frutificou a directa lanzada por Ferruccio, que a pesar de enganar ó porteiro deu no pau dereito. Ferran Font si que acertou de novo para practicamente certificar a vitoria barcelonista. Así rematou.
O Deportivo Liceo terá unha nova proba o próximo domingo 3 de novembro, día no que visitará Les Comes. O seu rival nesta quinta xornada da Fase Regular será o Igualada (18:00h).
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Bruno Saavedra, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).
BARÇA: Carles Grau; Ignacio Alabart, Marc Grau, Sergi Llorca, Sergi Aragonès (quinteto inicial), Pablo Álvarez, Ferran Font, Xavi Barroso, Eloi Cervera e Sergi Fernández (meta suplente).
ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Pablo Nicieza Elosegui. Sen tarxetas.
GOLES: 1-0 (César Carballeira, min. 5). 1-1 (Ferran Font, min. 29). 1-2 (Ferran Font, min. 30). 1-3 (Ignacio Alabart, min. 33). 1-4 (Ferran Font, min. 45).
INCIDENCIAS: Xornada 4 da OK Liga 24/25. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).