16 de outubro de 2024
O Liceo de Juan Copa vence en Lleida grazas a, entre outros, os catro goles dun certeiro Arnau Xaus.
Non era unha proba fácil e, aínda así, superouse con nota. A visita do Liceo a Lleida deixou outros tres puntos para o equipo dirixido por Juan Copa, que foi capaz de reaccionar ante un bo rival que se puxo por diante con certa distancia.
Son seis sobre seis antes de visitar ó Vic o vindeiro sábado (19:30h). Alí pecharanse estas dúas primeiras xornadas fóra de Riazor e as tres iniciais da Fase Regular.
O peor inicio e a mellor reacción
O exercicio de resiliencia tivo que ser dos bos. Xa desde o principio. Ós 30 segundos, unha azul vista por Nil Cervera mandou ó local Ojeda a marcar unha directa. Non só iso, senón que Fran Torres (cedido polo Liceo) dobrou a distancia para os cataláns cun bo remate raso. Só corría o minuto 4 de partido.
A gran reacción verdibranca comezou co primeiro gol dun Arnau Xaus totalmente inspirado. Marcounos de tódalas cores e o inicial foi cun disparo lonxano, acción na que o meta Javi Sánchez non puido facer nada (minuto 13). O Lleida seguiu atacando con perigo, aínda que o acerto foi para Dava Torres tras unha excelente combinación con César Carballeira. Varios pases consecutivos entre eles derivaron no empate a dúas dianas.
A culminación chegou antes do descanso cando Ferruccio, cunha xogada individual maxistral, superou por completo ó seu defensor para finalmente sorprender a Sánchez. O descanso chegou cun 2-3 tan real como antes improbable.
Exhibición do número 3
Esa posición de forza para o equipo de Juan Copa acrecentouse, ademais, polo alto número de faltas cometidas polos de Edu Amat. O fío da navalla. Xaus, mentres tanto, seguía ó seu ó anotar o 2-4; un gol que non daba nada por feito. Demostrouno Darío Giménez, capaz de marcar dous en dous minutos. Empate a 4 e unha nova muralla que superar.
Darío Giménez puxo o susto co empate a catro goles, aínda que Xaus respondeu
Eran nove as mencionadas infraccións ó comezar o segundo acto, polo que a décima non debía tardar. Así foi: cometeuse e Arnau Xaus transformou a directa. Hat trick e 4-5 parcial.
A esa exhibición quixo restarlle protagonismo Martí Serra, que foi capaz de parar dúas directas nun só minuto. O dorsal 3 do Liceo tivo a última palabra ó completar o seu póker e sentenciar co 4-6 definitivo nun partido realmente longo (unha hora e tres cuartos).
FICHA TÉCNICA
LLEIDA: Javi Sánchez; Darío Giménez, Fran Torres, Nico Ojeda, Jordi Badia (quinteto inicial), Nuno Paiva, Antonio Miguélez, Sebas Moncusí e Martí Zapater (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, César Carballeira, Dava Torres, Tato Ferruccio (quinteto inicial), Arnau Xaus, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra e Martín Rodríguez (meta suplente).
ÁRBITROS: Josep Antoni Ribo Navarro e Ariel Morisio. Mostraron tarxeta azul ós liceístas Nil Cervera e César Carballeira.
GOLES: 1-0 (Nico Ojeda, min. 1). 2-0 (Fran Torres, min. 4). 2-1 (Arnau Xaus, min. 13). 2-2 (Dava Torres, min. 8). 2-3 (Tato Ferruccio, min. 24). 2-4 (Arnau Xaus, min. 30). 3-4 (Darío Giménez, min. 31). 4-4 (Darío Giménez, min. 33). 4-5 (Arnau Xaus, min. 34). 4-6 (Arnau Xaus, min. 41).
INCIDENCIAS: Xornada 2 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Pavillón Onze de Setembre (Lleida).