PREVIA OK LIGA 24/25 (X1) | Unha nova aventura

PREVIA OK LIGA 24/25 (X1) | Unha nova aventura

12 de outubro de 2024


O Deportivo Liceo inaugurará en Riazor a Fase Regular co PAS Alcoi como rival (domingo 13, 12:00h).

Xa está aquí. Xa chegou. A OK Liga 24/25 será unha realidade esta fin de semana e o Deportivo Liceo, un ano máis, loitará ata o final por levantar o título. Será unha gran viaxe que comezará este domingo ás 12:00h no Pazo dos Deportes de Riazor, recinto que disfrutará do enfrontamento entre os de Juan Copa e o PAS Alcoi.

Este partido da primeira xornada estará dirixido polos árbitros Juan Iglesias Vallina e Jorge Carmena Ortega, con Francisco Javier López Quinteiro como auxiliar. Un curso máis, a máxima categoría do hockey nacional será retransmitida en aberto pola canle de YouTube de OK LIGA TV.

Un formato máis que coñecido

A nova tempada trae unha competición coa mesma folla de ruta. Primeiro celebrarase a habitual Fase Regular, que coas súas 26 xornadas vivirá ata comezos do mes de maio de 2025. Os oito primeiros da volta inicial (13 partidos) clasificaranse para a Copa do Rei e os da volta final xogarán os playoffs polo ansiado título.

A OK Liga 24/25 contará novamente cunha Fase Regular e un playoff polo título

Como sempre, esa promoción (maio-xuño) empezará cuns Cuartos de Final ó mellor de tres choques e con factor pista para o equipo mellor posicionado na táboa. As Semifinais e as Finais serán ó mellor de cinco ata coronar ó campión.

Única baixa de Pablo Cancela antes dunha semana intensa

Juan Copa poderá contar na estrea coa totalidade do seu plantel excepto Pablo Cancela, recén operado da súa doenza no ligamento cruzado do xeonllo. O xogador coruñés permanecerá de baixa durante varios meses, polo que a convocatoria de dez homes será inicialmente fixa.

Os xogadores do Liceo vestiron unha camiseta de apoio a Pablo Cancela na previa do partido de Supercopa. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

É a seguinte, con ata catro caras novas e o regreso dun coñecido liceísta:

  • Martín Rodríguez | Porteiro, dorsal 1
  • Martí Serra | Porteiro, 10
  • Nil Cervera | 2
  • Arnau Xaus | 3
  • César Carballeira | 5
  • Jacobo Copa | 7
  • Dava Torres | 8
  • Fabri Ciocale | 9
  • Bruno Saavedra | 13
  • Tato Ferruccio | 77

Trala proba contra o Alcoi, o Deportivo Liceo deberá afrontar unha semana de partido intersemanal. Haberá que viaxar a Lleida o mércores 16 ás 20:30h, con posterior visita ó recén ascendido Vic (sábado 19, 19:30h).

O bloque do Alcoi

O PAS Alcoi estará dirixido un ano máis por Lorenzo Pastor, adestrador que logrou levar ó equipo a cotas realmente altas.

Xa sabe o que é disputar playoffs polo título e varios dos seus responsables todavía continúan na disciplina valenciana: o meta Guiri, Gonzalo Pérez ou Ferran Formatjé, unidos a novas incorporacións como Álvaro Osorio ou o coruñés e exliceísta Pablo del Río.

Os dez xogadores que viaxarán á Coruña serán os seguintes:

  • Marc Grau ‘Guiri’ | Porteiro, dorsal 1
  • Joan Oltra | Porteiro, 10
  • Ferran Formatjé | 2
  • Álvaro Osorio | 3
  • Pablo del Río | 4
  • Agustín Domínguez | 5
  • Joan Pascual | 6
  • Gonzalo Pérez | 7
  • Manel Hernández | 8
  • Franco ‘Caco’ Ceschin | 9

Deixa un comentario