O Liceo preséntase ante a súa afección cun triunfo ante o Riba d’Ave

O Liceo preséntase ante a súa afección cun triunfo ante o Riba d’Ave

28 de setembro de 2024


Riazor puido gozar dos dobretes de Dava Torres e Arnau Xaus.

Riazor foi o escenario dun día de presentación con moitas caras novas. Outras eran algo máis coñecidas. O Deportivo Liceo e o Riba d’Ave disputaron un partido amigable a falta de só unha semana para o comezo da Supercopa de España, que significará a inauguración oficial do curso 24/25.

Tamén coa presenza do lesionado Pablo Cancela a pé de pista, o equipo dirixido novamente por Juan Copa amosou por primeira vez ante os seus os alicerces do novo proxecto. Homes como Arnau Xaus, Tato Ferruccio, Nil Cervera ou Jacobo Copa ofreceron as súas primeiras xogadas ós presentes e xuntáronse con veteranos como César Carballeira ou Dava Torres. Outros tamén regresaban tras varios anos fóra, como foi o caso de Martín Rodríguez.

Xaus presentouse con dous goles

Catro minutos necesitou un dos novos para deixar o seu selo. Co dorsal 3, Arnau Xaus inaugurou o marcador tras batir ó exliceísta Shehda. Un bo debut que se sumou ós que protagonizaron o resto das incorporacións verdibrancas.

Ferruccio, Xaus, Cervera e Jacobo Copa vestiron a verdibranca por primeira vez ante o público liceísta

Os non tan novos, como Martí Serra, continuaron demostrando a súa gran calidade. A pesar do empate do visitante Gustavo Pato, o 10 local ofreceu outra vez paradas de mérito.

Eficacia ante un bo rival

Martín substituíu ó catalán e foi o defensor da portería coruñesa durante a segunda metade. Non foi unha tarefa doada debido ó bo partido ofrecido polo Riba d’Ave, inmerso na súa particular xira de pretempada por terras galegas.

O tamén exliceísta Nanu Castro remontou o partido antes de que Dava Torres lle sacara brillo ó seu brazalete un ano máis. Empatou (2-2) cunha picada sutil e puxo ós seus por diante ó rematar un bo pase de Tato Ferruccio. Xaus, de falta directa, redondeou unha vitoria que o tanto postreiro de Rui Silva non puido estragar (4-3).

Final e conta atrás para a gran cita da Supercopa de España, con A Coruña e o seu Pazo dos Deportes como sede. O sábado 5 ás 18:30h enfrontaranse o Deportivo Liceo e o Barcelona para acadar un posto na gran final.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Tato Ferruccio (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra e Martín Rodríguez (meta suplente).

RIBA D’AVE: Álvaro Shehda; Gustavo Pato, Anderson Silva, Nanu Castro, Franco Toledo (quinteto inicial), Rui Silva, Bruno Correia, Francisco Nardi, Francisco Abreu e José Silva (meta suplente).

ÁRBITROS: Nicolás Morandeira e Lorenzo Bosch. Mostraron tarxeta azul ó visitante Francisco Abreu.

GOLES: 1-0 (Arnau Xaus, min. 4). 1-1 (Gustavo Pato, min. 21). 1-2 (Nanu Castro, min. 29). 2-2 (Dava Torres, min. 34). 3-2 (Dava Torres, min. 41). 4-2 (Arnau Xaus, min. 44).  4-3 (Rui Silva, min. 47).

INCIDENCIAS: Partido de presentación do curso 24/25. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario