Antón Boedo: “Ningún club ten unha mentalidade tan competitiva como a do Liceo”

Antón Boedo: “Ningún club ten unha mentalidade tan competitiva como a do Liceo”

19 de xuño de 2024


Imaxe: PATRICIA G. FRAGA

O director deportivo atendeu ó DXT Campeón para falar do novo proxecto a medio prazo do Club.

A xa confirmada fichaxe de Arnau Xaus é a primeira peza do que será o novo proxecto gañador do Liceo. Esta visión a medio prazo, aínda que ambiciosa, estará refrendada por máis incorporacións que buscarán seguir enchendo as vitrinas da entidade. Antón Boedo, director deportivo verdibranco, falou co diario coruñés DXT Campeón sobre este novo camiño: “Ningún club ten unha mentalidade tan competitiva como a do Liceo. Se lle damos os mimbres adecuados a Juan, podemos loitar con calquera”.

O curso 24/25, que botará a andar en setembro, será unha nova oportunidade para continuar esta loita a pesar das grandes dificultades sufridas no anterior: “Non vendemos fume, esta camiseta e este escudo tiran moito. É certo que estabamos nun momento difícil, pero a xente do hockey europeo viu que, nun ano tan complicado para nós, acabamos competindo ata o final. Os xogadores saben que se veñen aquí vai ser para competir por todo. Creo moito neste proxecto e non teño que contarlle unha película a ninguén. É un proxecto gañador. Gañar a Copa de Europa non é unha obriga, pero é un desexo que nos fai camiñar”.

“Os xogadores saben que se veñen aquí vai ser para competir por todo”

Todo iso tras un curso 23/24 marcado polas enormes complicacións. A pesar delas, o equipo de Juan Copa quedou a un só partido da final pola OK Liga: “Doulle moito valor a este equipo. En cuartos de final gañamos en dous partidos ó rival máis complicado dos que non eran cabezas de serie, o Voltregà, coas circunstancias especiais que sufrimos sempre en Sant Hipòlit. E en semifinais chegamos ata o quinto contra o Noia, que é un equipazo e está na final merecidamente”.

Aquí podes ler a entrevista completa realizada polo xornalista Pablo Zaballa.

Deixa un comentario