11 de xuño de 2024
O Deportivo Liceo cae no Ateneu e non logra un posto na final polo título, pero pecha unha tempada de tanta dificultade como mérito.
Dificultade tras dificultade co mérito como resposta. Esa foi a fórmula do Liceo de Juan Copa para volver a loitar polo título ata os últimos actos da OK Liga. O seu equipo puxo o punto e final a unha tempada de gran resiliencia tras caer no Ateneu ante un Noia que continuará xogando polo entorchado nacional.
Foron unhas semifinais co factor pista en contra e dous grandes rivais que se esixiron o máximo. Finalmente, o quinto encontro no Ateneu dictou sentenza e proclamou ós de Pere Varias como finalistas da OK Liga.
O Liceo caeu loitando
Os de verdibranco caeron, aínda que non se foron da pista sen dicir cousas. Foron os encargados de inaugurar o marcador de Sant Sadurní grazas a outro gol de Dava Torres, estelar durante tódolos partidos do playoff. Corría o minuto 8 cando unha boa contra foi culminada cunha definición de habilidade do gran capitán. Nada puido facer Blai Roca para evitar o 0-1. O equipo de Copa rozou incluso o 0-2 con dúas oportunidades claras de Bruno Saavedra, pero o meta local si estivo acertado.
O Liceo púxose por diante no marcador antes de que o Noia lograra remontar
Entón chegou o momento do Noia, anfitrión dunha pista inexpugnable durante toda a OK Liga. Ninguén gañou alí ata o momento e Xavi Costa encargouse de recordalo co empate (1-1). Chegou a falta de sete minutos para o descanso e foi o comezo dunha resurrección que atopou o seu momento culminante na segunda metade.
Puido a forza do Ateneu
A pista empurraba mentres o Liceo continuaba loitando. Cada vez era máis difícil. Os ataques do conxunto de Pere Varias incrementáronse tanto en número como en perigosidade. O propio Xavi Costa quedou a milímetros do 2-1 nun gol fantasma que non deron os árbitros, algo que si farían con Jordi Bargalló (minuto 35). O veterán xogador volveu ser chave para os intereses do Noia.
Jordi Bargalló, autor do 2-1 e do pase do 3-1, foi novamente decisivo
Dous minutos despois anotou Iván Morales para poñelo todo moi costa arriba. Salvadó terminaría de lograr a vitoria co 4-1 a posteriori definitivo. No outro lado, o liceísta, houbo orgullo e deportividade ata que soou a bociña. Caeron con honra e felicitando ó seu rival, desde o adestrador ata os xogadores. Punto e final dun equipo que, como sempre, volverá moi forte.
FICHA TÉCNICA
NOIA: Blai Roca; Aleix Esteller, Toni Salvadó, Jordi Bargalló, Iván Morales (quinteto inicial), Xavi Costa, Martí Gabarró, Humberto Mendes, Xavi Rovira e Jan Marimon (meta suplente).
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Fran Torres, Guido Pellizzari, Pablo Cancela, Bruno Saavedra e Tiago Rodrigues (meta suplente).
ÁRBITROS: Iván González González e Sergi Mayor Oliván. Sen tarxetas.
GOLES: 0-1 (Dava Torres, min. 8). 1-1 (Xavi Costa, min. 18). 2-1 (Jordi Bargalló, min. 35). 3-1 (Iván Morales, min. 37). 4-1 (Toni Salvadó, min. 43).
OK Liga 23/24. Semifinais do playoff polo título, Partido 5. Olímpic de l’Ateneu (Sant Sadurní de Noia).