CRÓNICA PLAYOFFS OK LIGA (Semifinais, Partido 1) | O primeiro triunfo queda en Noia (5-3)

CRÓNICA PLAYOFFS OK LIGA (Semifinais, Partido 1) | O primeiro triunfo queda en Noia (5-3)

31 de maio de 2024


O Liceo de Juan Copa, que chegou a perder por 3-0, queda ás portas dunha gran remontada.

O domingo ás 12:30h, de novo no Ateneu, xogarase o segundo encontro desta rolda ó mellor de cinco.

O punto inaugural das semifinais polo título quedou en Sant Sadurní. O Deportivo Liceo, que parcialmente foi por detrás nun complicado 3-0, chegou a empatar en menos de tres minutos antes de que o Noia levase o encontro con outras dúas dianas.

Un desenlace non desexado para os de Juan Copa, que este domingo regresarán ó Ateneu (12:30h, OK Liga TV) para procurar igualar a eliminatoria. Gañará a serie o que supere un enfrontamento ó mellor de cinco probas.

Primeira parte de táctica e de faltas

Sempre con respecto, porque iso é o que se merece unha parella de semifinalistas. O xogo do primeiro partido comezou igualado e cunha fase de tanteo por parte de ambos. Tanto Copa como Pere Varias estableceron ós seus equipos no partido dentro dunha metade inicial que non brillou en canto a ocasións, pero si abundaron as faltas.

A pesar de non mostrar un xogo demasiado intenso, o marcador de infraccións marcaba un 8-7 ao chegar ao descanso. O de goles mostrou un 1-0 favorable ó Noia, pois a oportunidade máis clara dos de Sant Sadurní rematou coa bóla na portería de Martí Serra. Foi o seu homónimo Gabarró, que aproveitou un pase de Iván Morales dentro dunha área ateigada de xogadores de verde e de vermello (minuto 18).

Por parte do Liceo destacaron os achegamentos de Dava Torres e de Sito Ricart. O do capitán, antes do gol local, foi detido por Blai Roca. O do número 2, que o intentou polo costado dereito a segundos do final, tampouco deu froitos.

Segunda parte de tolemia final

Eses intentos do Liceo continuaron ó regresar á pista, e é que a diferenza de acerto empezou a ser destacada. Os de verdibranco continuaron atacando a meta cun pau de Bruno Saavedra, un man a man de Fabri e unha directa errada por Tomás Pereira. Con todo, e aínda que Gabarró tamén fallou unha para o Noia, Xavi Costa si logrou colocar o 2-0 (minuto 41). Morales volvía a asistir.

A diferenza de acerto marcou o partido ata o arreón final de ambos equipos

Peor se puxeron as cousas para o Liceo cando Saavedra viu a azul. Gabarró volveu errar, pero os de Pere Varias aproveitaron o power play favorable para marcar o 3-0. Fíxoo Jordi Bargalló.

O tapón desapareceu para os liceístas coa ocasión menos importante de todas: un disparo afastado de Dava que entrou na portería tras varios rexeites. Posteriormente, no minuto 47, Fabri e Bruno desquitáronse das súas ocasións falladas logrando poñer o 3-3.

A que parecía unha gran remontada foi truncada por Bargalló, que cun dobrete lle devolveu a vantaxe ós de Sant Sadurní. Cos coruñeses xa máis volcados, Morales marcou o 5-3 definitivo. Un final desilusionante pero que non debe desmoralizar: só rematara o primeiro do mínimo de tres partidos a disputar nas semifinais.

FICHA TÉCNICA

NOIA: Blai Roca; Aleix Esteller, Xavi Costa, Jordi Bargalló, Iván Morales (quinteto inicial), Toni Salvadó, Martí Gabarró, Humberto Mendes, Xavi Rovira e Jan Marimon (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Tomás Pereira, Bruno Saavedra, Guido Pellizzari, Pablo Cancela e Tiago Rodrigues (meta suplente).

ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Luis Mier Sánchez. Mostraron tarxeta azul ó liceísta Bruno Saavedra.

GOLES: 1-0 (Martí Gabarró, min. 18). 2-0 (Xavi Costa, min. 41). 3-0 (Jordi Bargalló, min. 45). 3-1 (Dava Torres, min. 45). 3-2 (Fabri Ciocale, min. 47). 3-3 (Bruno Saavedra, min. 47). 4-3 (Jordi Bargalló, min. 47). 5-3 (Iván Morales, min. 49).

OK Liga 23/24. Semifinais do playoff polo título, Partido 1. Olímpic de l’Ateneu (Sant Sadurní de Noia).

Deixa un comentario