PREVIA PLAYOFFS OK LIGA (Cuartos de Final) | Comeza o camiño decisivo

PREVIA PLAYOFFS OK LIGA (Cuartos de Final) | Comeza o camiño decisivo

19 de maio de 2024


Fabri Ciocale proba un disparo no duelo de Riazor da Fase Regular. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.


O Deportivo Liceo recibirá ó Voltregà este domingo (20:00h) no que será o inicio dos playoffs polo título.

A eliminatoria xogarase ó mellor de tres partidos e o último, en caso de ser necesario, volvería a ser en Riazor.

Chegou a hora da verdade. Só unhas horas e un asubío inicial separan ó Deportivo Liceo do comezo oficial dos playoffs. Todo un título de OK Liga en xogo para o cal o equipo de Juan Copa se leva preparando desde principio de tempada.

O terceiro posto na Fase Regular implica que o rival dos Cuartos de Final, a disputar ó mellor de tres partidos, sexa o Voltregà. O primeiro dos duelos será no Pazo dos Deportes de Riazor (domingo 19, 20:00h) e estará dirixido polos árbitros Miguel Díaz Cosme e Jonathan Sánchez García, con Francisco José Martínez Suárez como auxiliar.

A pesar do especial da cita, tódolos Liceístas que desexen apoiar ó equipo poderán facelo por tan só 5€: é o custo dos pases para o público xeral, mentres que os socios e os abonados provintes do Real Club Deportivo poderán entrar gratis. O mesmo procedemento de todo o curso.

Todos dispoñibles para a hora da verdade

A boa nova para este partido reside na figura de Dava Torres, ausente nos últimos da Fase Regular debido a unhas molestias de xeonllo. As mesmas xa remitiron, polo que o gran capitán estará ó 100% para loitar por este primeiro punto da eliminatoria.

Dava Torres regresará ás pistas trala súa lesión de xeonllo

Juan Copa poderá contar coa totalidade do seu plantel para esta importante proba. Ó ser once deberá realizar un descarte e os dez elixidos sairán dos seguintes:

  • Martí Serra | Porteiro, dorsal 10
  • Tiago Rodrigues | Porteiro, 33
  • Sito Ricart | 2 | 8 goles en OK Liga e 3 na WSE Champions League
  • Tomás Pereira | 4 | 5 goles en OK Liga e 1 na WSE Champions League
  • César Carballeira | 5 | 28 goles en OK Liga, actual pichichi do Deportivo Liceo
  • Dava Torres | Capitán, 8 | 21 goles en OK Liga e 4 na WSE Champions League
  • Fabri Ciocale | 9 | 7 goles en OK Liga e 1 na WSE Champions League
  • Bruno Saavedra | 13 | 3 goles en OK Liga
  • Fran Torres | 44 | 5 goles en OK Liga e 4 na WSE Champions League
  • Guido Pellizzari | 54 | 2 goles en OK Liga
  • Pablo Cancela | 74 | 11 goles en OK Liga e 2 na WSE Champions League

Eliminatoria con factor pista

O Deportivo Liceo disputará esta rolda con vantaxe. Polo menos sobre o papel. A mellor posición dos de Juan Copa con respecto ó Voltregà (terceiro contra sexto) implicará que o factor pista sexa favorable ós coruñeses.

Ó ser unha eliminatoria a tres encontros, ata dous deles poderían ser no Pazo dos Deportes de Riazor. Alí se xogará o primeiro este domingo, mentres que o segundo ocorrerá si ou si en Sant Hipòlit a fin de semana do 25 de maio. En caso de necesitar un encontro de desempate volvería a ser en terras galegas só tres días despois (28 de maio).

O hipotético terceiro partido da eliminatoria disputaríase na Coruña

Os Cuartos de Final son a única rolda que se disputa a tres duelos, xa que tanto as semifinais como as finais serán ó mellor de cinco.

Un Voltregà con grandes activos

Ante o Liceo presentarase un equipo con grandes capacidades e que conta cos exverdibrancos Àlex Rodríguez e Jordi Burgaya como estandartes. Entre os dous colleitaron ata 51 dos 79 goles anotados polos cataláns durante a Fase Regular da OK Liga. Acabaron a mesma na sexta posición con 37 puntos froito de 11 triunfos, 4 empates e 11 derrotas.

Jefa Rovira (que aceptou recentemente o banquiño) deberá loitar na Coruña cos seguintes xogadores, dos que deberá sacar unha lista de dez:

  • Miquel Estrada | Porteiro, dorsal 1
  • Oriol Codony | Porteiro, 96
  • Èric Vargas | 3 | 9 goles en OK Liga
  • Lluc Sitjà | 5
  • Dídac Alonso | 6 | 1 gol en OK Liga
  • Jordi Burgaya | 7 | 25 goles en OK Liga
  • Xavi Armengol | 8
  • Aleix Molas | 9 | 7 goles en OK Liga
  • Humbert Serra | 11 | 2 goles en OK Liga
  • Gerard Teixidó | 21 | 9 goles en OK Liga
  • Àlex Rodríguez | 27 | 26 goles en OK Liga
  • Pau Roquet
Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Entradas a 5€ para público xeral

O público xeral conta con entradas online dispoñibles para este choque a través do seguinte enlace de Cluber. O prezo é de 5€ cada unha. O propio día do partido, as taquillas do Pazo dos Deportes estarán abertas desde unha hora antes (19:00h) para a venda de pases físicos.

Como ocorrerá durante todo o curso 23/24, os socios verdibrancos poderán entrar gratis a Riazor ensinando o código QR do seu carnet. Vale tanto de forma dixital como impresa. O mesmo ocorre cos abonados provintes do Real Club Deportivo, que tamén deberán mostrar o carnet que acredite a súa situación.

Por outra parte, tamén entrarán gratis os nenos e nenas que cumpran cunha das seguintes dúas condicións. En ambas será necesario acreditar debidamente cada situación nas portas:

Deixa un comentario