CRÓNICA OK LIGA (X26) | Empate e a polo Voltregà (4-4)

CRÓNICA OK LIGA (X26) | Empate e a polo Voltregà (4-4)

5 de maio de 2024


Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

A Fase Regular termina para Liceo e Noia cun punto para cada un.

O Liceo (terceiro) xogará os cuartos de final do playoff contra o Voltregà (sexto) e con factor pista a favor.

Fase Regular rematada e playoff aclarado. O Deportivo Liceo, terceiro matemático mesmo antes de empatar contra o Noia, disputará os cuartos de final polo título contra o Voltregà. Iso implican os seus 46 puntos sumados ó longo de 26 xornadas.

Será ó mellor de tres e co factor pista favorable ó equipo de Juan Copa. Dita rolda comezará a fin de semana do 18 de maio e co Pazo dos Deportes de Riazor como anfitrión. Os horarios e días definitivos daranse a coñecer ó longo da semana.

Entre azuis e goles

Aínda que non determinase nada en termos de clasificación, tanto o Liceo como o Noia comezaron este partido como se así fose. Foi un encontro de moita intensidade e lonxe da escaseza de incidentes. Ós cinco minutos xa se estreou o marcador grazas ó capitán visitante Aleix Esteller, hábil para atopar a rede tras un bo pase filtrado de Toni Salvadó (0-1).

Fran Torres viu dous cartóns azuis realmente rigorosos. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

A diana e o poste do exliceísta Jordi Bargalló confirmaron os bos minutos do Noia. A sorte non comezou do lado do Liceo, xa que no minuto 12 sufriu a primeira das súas numerosas tarxetas azuis. Varias realmente rigorosas. Viuna Fran Torres, feito que Martí Gabarró aproveitou para marcar o 0-2 de falta directa.

Tombita volveu ser amonestado pouco despois xunto con Xavi Costa, nun lance con máis culpa do catalán que do arxentino, pero a realidade é que ambos deberon saír da pista temporalmente. Despois comezaron os mellores minutos do Liceo na primeira parte co 1-2 como merecido premio. Logrouo Guido Pellizzari ó rematar unha excelente xogada colectiva.

O descanso chegou con 1-3 a favor do Noia

Desafortunadamente, Martí Gabarró atopou o seu segundo tanto da mañá ó aproveitar un pase de morte de Humberto Mendes. O 1-3 incluso puido chegar ó descanso como 1-4 se o mencionado Gabarró tivese anotado a súa segunda directa do encontro. Detívoa Martí e o cadro de Juan Copa puido sobrevivir ó power play en contra que implicou a tarxeta azul vista por Pablo Cancela.

Boa reacción ante as adversidades

César Carballeira foi o protagonista absoluto ó regresar á pista. Menos de dez minutos foron suficientes para igualar o encontro con dous goles moi diferentes. Ambos, iso si, sorprendendo ó meta Jan Marimon.

O primeiro foi dende detrás da súa portería e o segundo cun disparo enorme marca da casa. Tras este último, un man a man de Bruno Saavedra culminou a remontada parcial (4-3).

Entón chegaron as décimas faltas de ambos. Sen consecuencias. Bruno errou a do Liceo e Morales a do conxunto de Pere Varias. Non fallou, sen embargo, o Noia cando Toni Salvadó, a falta de tres minutos para o final, empatou definitivamente.

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Fabri Ciocale, Pablo Cancela (quinteto inicial), Tomás Pereira, Bruno Saavedra, Fran Torres, Guido Pellizzari e Tiago Rodrigues (meta suplente).

NOIA: Jan Marimon; Aleix Esteller, Toni Salvadó, Jordi Bargalló, Iván Morales (quinteto inicial), Xavi Costa, Martí Gabarró, Humberto Mendes, Xavi Rovira e Blai Roca (meta suplente).

ÁRBITROS: Alberto Pérez e Luis Mier. Mostraron tarxeta azul ós liceístas Fran Torres (en dúas ocasións) e Pablo Cancela. Polo Noia viuna Xavi Costa.

GOLES: 0-1 (Aleix Esteller, min. 5). 0-2 (Martí Gabarró, min. 12). 1-2 (Guido Pellizzari, min. 18). 1-3 (Martí Gabarró, min. 20). 2-3 (César Carballeira, min. 29). 3-3 (César Carballeira, min. 34). 4-3 (Bruno Saavedra, min. 34). 4-4 (Toni Salvadó, min. 47).

OK Liga 23/24. Xornada 26 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario