6 de abril de 2024
O Deportivo Liceo de Juan Copa visitará este sábado o Palau d’Esports de Reus (17:00h).
Será o primeiro dos últimos catro partidos da Fase Regular.
Fran Torres pugna por unha bóla no partido da primeira volta. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
Atrás queda o penúltimo parón competitivo do ano. Deixa paso a unha nova data da OK Liga, cuxa Fase Regular entra nas súas últimas catro probas e que para o Deportivo Liceo comeza con toda unha visita a Reus (sábado, 17:00h).
O partido desta 23º xornada estará dirixido polos árbitros Jonathan Sánchez García e Oriol Garriga Mas, con Jaume Anglès Batista como auxiliar. Haberá Liceístas presentes no recinto, pero os que non estén poderán ver en directo o choque grazas ó streaming que realizará OK LIGA TV (canle de YouTube). A retransmisión será totalmente de balde.
Partido antes do último parón
A viaxe ó Palau d’Esports, pavillón que en 2022 viviu o último título ligueiro do equipo de Juan Copa, precederá a outra pausa máis na acción competitiva. Será a última do curso 23/24 e provocará que o Liceo non regrese á pista ata o próximo 20 de abril.
Ese sábado ás 17:00h disputarase a antepenúltima data da Fase Regular. Será no Pazo dos Deportes de Riazor e co Voltregà como rival. Posteriormente, os verdibrancos visitarán Alcoi (28 de abril, 18:30h) e recibirán ó Noia (4 de maio) para pechar esta gran primeira etapa da OK Liga.
As dous últimas xornadas serán unificadas, como é habitual, aínda que todavía non se coñece o horario da de clausura.
Obxectivo: clasificarse para o playoff na mellor posición
Se a primeira fase rematara hoxe, o Deportivo Liceo loitaría no playoff polo título como terceiro clasificado. Iso dictaminan os seus 41 puntos, tres menos cós 44 que suma agora mesmo o Noia Freixenet. Precisamente, e como se apuntou, será un rival que deberá visitar Galicia na última data.
A primeira praza xa é do Barcelona de forma matemática, mentres que por detrás acechan o Calafell (cuarto con 35 puntos) e o propio Reus Deportiu (quinto con 33). Un bo resultado no Palau d’Esports provocaría que a clasificación en si do Liceo xa fora oficial.
Viaxe cos mesmos homes que derrotaron ó Barcelona
Juan Copa trasladarase a Cataluña cos xogadores que foron capaces de vencer en Riazor ó ata entón invicto Barça. Dava Torres, César Carballeira e Martí Serra volveron sen problemas á Coruña da súa aventura coa selección española na Copa de Nacións de Montreux.
Bruno Saavedra, pola súa parte, encara xa os pasos definitivos para a recuperación e podería ser unha das novidades para o final de tempada. De momento, e como lamentablemente foi norma nos últimos meses, permanece fóra da convocatoria.
Dava, César e Martí regresaron sen incidencias da Copa de Nacións de Montreux
Os dez homes que buscarán os tres puntos no Palau d’Esports de Reus serán os seguintes:
- Martí Serra | Porteiro, 10
- Tiago Rodrigues | Porteiro, 33
- Sito Ricart | 2 | 7 goles na OK Liga e 3 na WSE Champions League
- Tomás Pereira | 4 | 4 goles na OK Liga e 1 na WSE Champions League
- César Carballeira | 5 | 26 goles na OK Liga, pichichi do Deportivo Liceo
- Dava Torres | Capitán, 8 | 21 goles en OK Liga e 4 na WSE Champions League
- Fabri Ciocale | 9 | 6 goles na OK Liga e 1 na WSE Champions League
- Fran Torres | 44 | 4 goles na OK Liga e 4 na WSE Champions League
- Guido Pellizzari | 54 | 1 gol na OK Liga
- Pablo Cancela | 74 | 9 goles na OK Liga e 2 na WSE Champions League
Un sempre perigoso Reus Deportiu
Visitar o Palau d’Esports de Reus sempre conleva dificultades aínda que as tempadas do seu anfitrión non atopen regularidade. O equipo dirixido por Jordi García é o actual quinto clasificado da OK Liga con 33 puntos, polo que a súa presenza no playoff polo título todavía non está asegurada. Unha razón máis pola que dalo todo ante o Deportivo Liceo.
O Reus tamén buscará recuperar o sabor da vitoria despois dunha dura derrota na pista do Sant Just (3-0). Foi a sétima da tempada e acompaña a seis empates e nove triunfos, todos froito dunha estratexia que asegura tanto goles a favor (73) como en contra (69).
O Reus é o actual quinto clasificado da Fase Regular grazas ós seus 33 puntos.
Os cataláns tamén tiveron protagonismo durante o curso na WSE Champions League, aínda que o periplo europeo non terminou do mellor xeito. Ocuparon con tres puntos a cuarta posición do Grupo B, unha complicada división que compartiron xunto a Calafell, Sporting de Portugal e Benfica.
Jordi García deberá realizar dous descartes dos seguintes doce homes:
- Càndid Ballart | Porteiro, dorsal 1
- Nil Viña | Porteiro, 94
- Ferran Giménez | 3 | 4 goles en OK Liga e 5 en Champions
- Joan Salvat | Capitán, 5 | 4 goles en OK Liga
- Sergi Aragonès | 6 | 11 goles en OK Liga e 3 en Champions
- Maxi Oruste | 8 | 7 goles en OK Liga e 3 en Champions
- Marc Julià | 15 | 8 goles en OK Liga e 2 en Champions
- Martí Casas | 18 | 16 goles en OK Liga e 1 en Champions
- Diego Rojas | 19 | 3 goles en OK Liga
- Guillem Jansà | 33 | 3 goles en OK Liga
- Arnau Canal | 49 | 6 goles en OK Liga
- David Gelmà | 96 | 11 goles en OK Liga e 1 en Champions
O duelo da primeira volta, celebrado en Riazor na xornada 10, deixou unha vitoria para o cadro reusense (1-2) grazas ós goles de Martí Casas e o exliceísta Maxi Oruste.