24 de marzo de 2023
César celebra el primero de sus dos goles. Imagen: MANU BOUTUREIRA.
O Deportivo Liceo de Juan Copa supera con claridade ó Barcelona ante un Riazor abarrotado.
Final feliz para un partido colosal. O Deportivo Liceo de Juan Copa mostrou a súa mellor versión ante un Barcelona que chegaba invicto na OK Liga. Un triunfo de moitos quilates para ofrecer á afección verdibranca, presente por milleiros nas bancadas do Pazo dos Deportes de Riazor.
Esta vitoria permite ó equipo sumar un total de 41 puntos, útiles para manterse con máis diferenza aínda na terceira posición da Fase Regular. O Calafell é cuarto con 35 puntos, mentres que o Noia é segundo con 44.
Igualdade total para empezar
Todo comezou cun cara a cara intenso onde cada detalle podería marcar a diferenza. As oportunidades dos verdibrancos chegaron primeiro, co aviso de Sito Ricart ó ata entón invicto Barcelona. O exliceísta Carles Grau actuou ben. Martí Serra tamén se mantivo realmente firme baixo os paus e, de feito, acabaría sendo decisivo.
A primeira oportunidade realmente clara para os de Juan Copa foi para Dava Torres, que despois dunha azul a Alabart se dirixiu ó punto da directa. Grau actuou ben e, posteriormente, tamén o resto do equipo culé, que aguantou eficazmente o power play en contra.
E antes do descanso, os paus. Primeiro o de Guido Pellizzari, que fixo tremer a portería rival. Seguiuno un do visitante Rodrigues, pero o marcador quedou tal cal comezou. O realmente bo viría nos 25 minutos finais.
Impúxose o verde
Os avisos acabarían sendo realidades no minuto 33, cando Dava Torres se recompuxo da directa fallada para adiantar ó Deportivo Liceo. Pouco durou a alegría, xa que a décima infracción mandaría con éxito a Alabart á misma directa. Empate a un gol e todo por decidir para o cuarto de hora final.
Martí Serra foi decisivo con 1-1 ó deter unha directa de Alabart, que xa transformara unha
Entón chegou o momento de Martí Serra. Unha azul en contra devolveu ó dorsal 3 barcelonista á disciplina coa que conseguiu o seu tanto, pero o 10 local fíxose xigante para evitar a remontada. Detivo os seus intentos por dúas veces para manter a igualada parcial, que si se rompería pouco despois.
Fíxoo grazas a César Carballeira e dous minutos de maxia. Anotou o 2-1 no 45 para delirio da xente e, no 47, transformou un penalti cometido sobre o capitán Dava Torres. O Barça non foi capaz de reaccionar nin de evitar a súa primeira derrota en OK Liga.
O Deportivo Liceo descansará agora da acción competitiva e regresará o día 6 de abril, cando terá outra difícil proba: a visita a Reus.
FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Tomás Pereira, Fran Torres, Guido Pellizzari, Pablo Cancela e Tiago Rodrigues (meta suplente).
BARÇA: Carles Grau; Ignacio Alabart, Marc Grau, Sergi Llorca, João Rodrigues (quinteto inicial), Jan Curtiellas, Miquel Escala, Sergi Panadero, Eloi Cervera e Adrián Galán (meta suplente).
ÁRBITROS: Alberto Pérez Pérez e Juan Iglesias Vallina. Mostraron tarxeta azul ó liceísta Pablo Cancela por dúas veces. Tamén viron o cartón os visitantes Ignacio Alabart e Eloi Cervera.
GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 33). 1-1 (Ignacio Alabart, min. 34). 2-1 (César Carballeira, min. 45). 3-1 (César Carballeira de penalti, min. 47).
OK Liga 23/24. Xornada 22 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).