PREVIA OK LIGA 23/24 (X19) | Oportunidade na Torre Roja

PREVIA OK LIGA 23/24 (X19) | Oportunidade na Torre Roja

17 de febreiro de 2024


Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O Deportivo Liceo visitará a casa do Caldes para loitar pola cuarta vitoria consecutiva.

Se poden ser catro, mellor. O Deportivo Liceo de Juan Copa, inmerso nunha boa xeira de tres triunfos consecutivos, enfontarase este sábado á oportunidade de sumar eses catro (20:00h). O encargado de impedilo será o Caldes, que agarda desde xa no seu Polideportivo da Torre Roja.

O partido estará dirixido polos colexiados Miguel Díaz Cosme e Josep Antoni Ribó Navarro, con Jordi Basols Torra como árbitro auxiliar. Como sempre, os liceístas que desexen velo en directo poderán facelo de balde grazas ó streaming de OK Liga TV (canle de YouTube).

Recuperados do bache

Esta 19º xornada de Fase Regular chega nun dos mellores momentos do conxunto liceísta, totalmente recuperado da dinámica de lesións e malos resultados que caracterizou o final de 2023. Viaxará a Cataluña tras vencer en tres datas consecutivas: 0-6 ante o Rivas, 6-2 contra o Sant Just4-0 co Mataró como vítima.

O Liceo buscará a cuarta vitoria consecutiva, sendo a máis recente na visita do Mataró. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Eses 16 goles implican, ademais, que o equipo de Copa sexa o segundo máximo realizador da competición. César Carballeira, con 23, tamén presume de ser o terceiro máximo anotador de toda a OK Liga por detrás de Rodrigues e de Arnau Xaus.

A falta de oito partidos para o final da Fase Regular, o Deportivo Liceo é o actual cuarto clasificado da OK Liga con 29 puntos. Son os mesmos que o Voltregà, dous menos que o Calafell e cinco menos que o Noia. Máis lonxe queda o líder Barcelona, que acumulou 52 de 54 puntos posibles.

Viaxe coa lista habitual de 2024

Os responsables de loitar na Torre Roja serán os mesmos que conforman as convocatorias desde que comezou o novo ano. A única baixa para Juan Copa será a de Bruno Saavedra. O dorsal 13 liceísta, sen embargo, apura os últimos prazos de recuperación da súa lesión de escafoides.

Os xogadores que sairán á pista serán os seguintes:

  • Martí Serra | Porteiro, dorsal 10
  • Tiago Rodrigues | Porteiro, 33
  • Sito Ricart | 2 | 6 goles en OK Liga e 3 en WSE Champions League
  • Tomás Pereira | 4 | 4 goles en OK Liga e 1 en WSE Champions League
  • César Carballeira | 5 | 23 goles en OK Liga, actual pichichi do Deportivo Liceo
  • Dava Torres | Capitán, 8 | 15 goles en OK Liga e 3 en WSE Champions League
  • Fabri Ciocale | 9 | 5 goles en OK Liga
  • Fran Torres | 44 | 3 goles en OK Liga e 4 en WSE Champions League
  • Guido Pellizzari | 54
  • Pablo Cancela | 74 | 9 goles en OK Liga e 2 en WSE Champions League

Un Caldes que busca resurxir

Non é a mellor tempada do Caldes de Eduard Candami, actualmente cerca dos postos de descenso directo e de playout. O cadro da localidade barcelonesa é o décimo clasificado da OK Liga con 22 puntos, catro e cinco máis que a zona real de perigo. Só supera ó Girona, ó Rivas, ó Lleida e ó Mataró.

Sen embargo, a Torre Roja demostrou recentemente ser un auténtico fortín. Os tres últimos partidos nesa pista acabaron en vitorias para o Caldes: 4-3 contra o Voltregà, 3-1 co Igualada e 4-2 co Rivas. Coa visita do Deportivo Liceo, os cataláns buscarán sumar o cuarto triunfo consecutivo en casa.

Último adestramento do Caldes antes de recibir ó Deportivo Liceo. Imaxe: CH CALDES (perfil de X).

Buscarán logralo cos seguintes xogadores, aínda que o capitán Marcos Blanqué é dúbida:

  • Arnau Martínez | Porteiro, dorsal 1
  • Jordi Pons | Porteiro, 10
  • Pol Galbas | 5 | 2 goles
  • Roger Presas | 9 | 7 goles
  • Pau Cardona | 14
  • Biel Pujadas | 47 | 12 goles
  • Marcos Blanqué | Capitán, 55 | 6 goles
  • Xevi Gurri | Segundo capitán, 57 | 5 goles
  • Adrià Ballart | 72 | 6 goles
  • Marc González | 79 | 6 goles

O precedente da primeira volta deixou un triunfo coruñés: 4-2 no Pazo dos Deportes de Riazor. César (x2), Sito e Dava foron os goleadores daquela sexta xornada. Marc González, cun dobrete, foi o anotador do Caldes.

Deixa un comentario