CRÓNICA OK LIGA (X17) | Excelente imaxe para sumar o segundo triunfo seguido (6-2)

CRÓNICA OK LIGA (X17) | Excelente imaxe para sumar o segundo triunfo seguido (6-2)

3 de febreiro de 2024


Dava Torres e César Carballeira lograron sendos hat tricks. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O Deportivo Liceo volve a enlazar vitorias despois de superar claramente á revelación Sant Just.

O Deportivo Liceo de Juan Copa venceu con contundencia ó Sant Just e logrou a súa segunda vitoria consecutiva. Enlaza así dúas semanas seguidas sumando de tres, algo que non ocorría desde o mes de novembro e que permite ós verdibrancos auparse á zona alta da clasificación.

Acabará o sábado no terceiro posto provisional, a falta de que finalicen o resto de partidos da 17ª xornada. Son un total de 26 puntos acumulados que sirven para deixar atrás a mala xeira recente.

Excelente espectáculo con cor verdibranca

Todo ocorreu nun partido que non puido comezar peor para os intereses liceístas. Unha tarxeta azul vista por Fabri Ciocale con tan só 30 segundos de reloxo mandou a Joan Pujalte ó punto da directa. Sen éxito. Aínda así, había un power play que superar e no que o Sant Just sacou froitos. Pol Macià adiantou ós visitantes no terceiro minuto de xogo.

O Deportivo Liceo portou os Brazaletes da Esperanza da Asociación Española Contra o Cancro, en conmemoración do Día Mundial contra a enfermidade que se celebrará mañá domingo. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Foi un inicio realmente intenso con moitos achegamentos. Para uns e para outros. Cando o Deportivo Liceo recuperou os cinco de pista, levounos pouco a pouco ós seus intereses. Empatou César Carballeira cun disparo raso e Sito Ricart rozou a remontada cun gol fantasma que non concederon os árbitros. Os homes de Juan Copa merecían máis o 2-1 a cada xogada que transcorría.

Finalmente chegou. A defensa visitante cometeu penalti sobre Dava Torres e o propio César transformou (minuto 20). Momento realmente complicado para o Sant Just, sobre todo cando grazas a Gerard Miquel igualou a estatística de tarxetas azuis. Dava marcou esa directa e, só un minuto despois, axenciouse outro tanto para que o descanso chegara con 4-1. Un resultado xusto.

Control total e dous hat tricks

Por se había algunha dúbida, César tardou só 8 segundos en despeixala unha vez comezou o segundo acto. Seu foi o 5-1 co que completou o seu triplete. Tanto el como o resto do grupo xestionaron a vantaxe de forma óptima, mantendo a superioridade a pesar de non necesitar atacar con tanta urxencia.

César celebra o seu triplete. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

O 6-1 puido chegar en calquera momento, con grandes ocasións para varios dos integrantes do equipo. O que chegou foi curiosamente o 5-2, obra do visitante Edu Fernández (minuto 40) na única ocasión importante do Sant Just xunto cunha directa fallada por Pol Macià.

A distancia foi reestablecida por Dava, que se uniu ó club do hat trick inaugurado momentos antes por César. 6-2, pitido final e alegría xeral dentro dunha grada entregada ó gran espectáculo que ofreceron os seus.

Ó Deportivo Liceo agardaralle agora unha semana de dúas probas: unha europea (Barcelos, xoves ás 22:00h de España) e outra doméstica (Mataró en Riazor, domingo ás 12:00h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Tomás Pereira, Fran Torres, Guido Pellizzari, Pablo Cancela e Tiago Rodrigues (meta suplente).

SANT JUST: Elagi Deitg; Xavi Crespo, Cristian Rodríguez, Joan Pujalte, Gerard Miquel (quinteto inicial), Borja López, Pol Macià, Edu Fernández, Iñaki Cabezas e Dídac Sánchez (meta suplente).

ÁRBITROS: Alberto Pérez Pérez e Juan Iglesias Vallina. Mostraron tarxeta azul a Fabri Ciocale por parte do Deportivo Liceo. No Sant Just víronna Gerard Miquel e Cristian Rodríguez.

GOLES: 0-1 (Pol Macià, min. 3). 1-1 (César Carballeira, min. 5). 2-1 (César Carballeira de penalti, min. 20). 3-1 (Dava Torres, min. 21). 4-1 (Dava Torres, min. 22). 5-1 (César Carballeira, min. 26). 5-2 (Edu Fernández, min. 40). 6-2 (Dava Torres, min. 49).

OK Liga 23/24. Xornada 17 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario