CRÓNICA OK LIGA (X16) | O excelente sabor de sumar de tres (0-6)

CRÓNICA OK LIGA (X16) | O excelente sabor de sumar de tres (0-6)

28 de xaneiro de 2024


O Deportivo Liceo vence con contundencia ó Hockey Rivas e logra un importante triunfo para impulsarse na táboa.

O Deportivo Liceo de Juan Copa reencontrouse coa desexada vitoria na súa visita a Rivas-Vaciamadrid. Ofreceu un moi bo encontro, superou claramente ó conxunto local (que chegaba de tres triunfos seguidos) e sumou de tres por primeira vez desde decembro para dar un salto na clasificación da OK Liga.

Ocupa agora a terceira posición provisional con 23 puntos, a falta de que se completen os dous partidos restantes da 16ª xornada.

Gran primeira parte

Todo despois dun partido intenso e con ocasións para ambos. Pouco exceso de confianza cabía ante o Hockey Rivas, ocupante dos postos de descenso directo pero que saíu ó Cerro do Telégrafo no seu mellor momento da tempada. O primeiro acto deixou un catálogo pouco desdeñable de ocasións para os de Carlos Cortijo, pero a defensa liceísta e a boa actuación de Martí Serra evitaron o 1-0.

O descanso chegou cun contundente 0-4 favorable ó Deportivo Liceo

As oportunidades coruñesas, vestidas hoxe de camiseta branca e pantalón verde, si foron máis exitosas. Os excelentes primeiros 25 minutos dos homes de Juan Copa deixaron un gol de Dava Torres no sétimo, rematador dunha gran xogada colectiva. Só un máis tardou Fabri Ciocale en poñer o 0-2, desta vez cunha xogada individual de calidade.

Este dobre golpe non amedrentou ós da capital, que buscaron continuar a súa boa dinámica. De todas formas, dez minutos despois do dobrete branco e verde, apareceu outro cun claro nome propio: o de Fran Torres, que nada máis saír á pista anotou o 0-3. Dava disparou, Castañer parou e Tombita aproveitou o rexeite. Iso foi no 17. No 19 volveu aparecer. Colocouse intelixentemente no segundo pao, recibiu o pase do capitán e marcou o 0-4 que chegou ó descanso.

Cero concesións

Non só comezou o acto final cunha gran renda, senón que se xestionou á perfección. E ampliouse. No 29, Dava Torres completou o seu dobrete grazas a un excelente remate aéreo (0-5). Tamén se sumou César á terna de goleadores, unha vez transformada unha pena máxima.

Dava Torres (x2), Fran Torres (x2), Fabri e César foron os autores da goleada no Cerro

Ese 0-6 demostrou a efectividade liceísta, pero tamén un bo exercicio de solidez. Todos os achegamentos madrileños foron anulados de forma óptima ben pola defensa ou por Martí Serra. Ese foi o resultado que chegou ó final do partido, para xolgorio da expedición.

Unha excelente actuación grupal que intentará estenderse na inminente seguinte proba: a visita do Sant Just ó Pazo dos Deportes de Riazor. Será o próximo sábado 3 de febreiro ás 18:00h.

FICHA TÉCNICA

HOCKEY RIVAS: Marc Castañer; Àlex Joseph, Bernat Yeste, Curro Fernández, Miguel Cañadillas (quinteto inicial), Gerard Escolà, Sergi García, Sergio Martín, Adrián Pos e Jorge Nájera (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Sito Ricart, César Carballeira, Dava Torres, Fabri Ciocale (quinteto inicial), Tomás Pereira, Guido Pellizzari, Fran Torres, Pablo Cancela e Tiago Rodrigues (meta suplente).

ÁRBITROS: Jordi Reverter García e Albert Barba Gómez-Álvarez. Sen tarxetas.

GOLES: 0-1 (Dava Torres, min. 7). 0-2 (Fabri Ciocale, min. 8). 0-3 (Fran Torres, min. 17). 0-4 (Fran Torres, min. 19). 0-5 (Dava Torres, min. 29). 0-6 (César Carballeira de penalti, min. 41).

OK Liga 23/24. Xornada 16 da Fase Regular. Polideportivo Cerro do Telégrafo (Madrid).

Deixa un comentario